O BNG reclama ao goberno do PSOE unha proposta de bases xerais de contratación
Del Río: “No tema de persoal non percibimos ningunha intención de cambiar as vellas prácticas habituais en Betanzos”
Del Río: “No tema de persoal non percibimos ningunha intención de cambiar as vellas prácticas habituais en Betanzos”
Betanzos, 9 de xaneiro de 2012. Os nacionalistas emprazan ao goberno do PSOE a cumprir co acordo plenario e presentar unha proposta de novas bases xerais para contratación do persoal laboral do Concello.. “A pesar das boas palabras do goberno local, desde aquel momento nada se volveu a saber sobre o tema e o PSOE non presentou proposta ningunha para aprobar unhas novas bases” denuncia o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
En xullo de 2011 o pleno acordou, a iniciativa do BNG, actualizar e mellorar as bases de contratación de persoal do Concello, logo de que o BNG denunciase falta de transparencia e igualdade de oportunidades no proceso selectivo para cubrir unha praza de auxiliar administrativo para Servizos Sociais. O 20 de xullo o BNG convertíase no único grupo que pedía por escrito a paralización do proceso selectivo porque non garantía a igualdade de acceso á convocatoria, petición tamén formulada pola CIG, sindicato maioritario do comité de empresa do Concello.
Isto non impediu que se seguiran a dar contratacións temporais cunhas bases distintas ás aprobadas polo pleno do Concello. O pasado 25 de outubro, o edil Xosé Vales preguntou no pleno polos motivos polos que o goberno local optara por usar unhas bases distintas para cubrir unha praza temporal no Conservatorio municipal Carlos López García-Picos. O goberno local tan só se escudou na legalidade do seu proceder sen explicar por que non seguira as bases xerais de contratación e se apartara do acordado polo pleno en xullo.
O BNG cuestionou no pleno de novembro outra irregularidade da política de persoal do goberno local do PSOE, denunciando que un traballador do GRUMIR traballa no cemiterio municipal asumindo labores que non son propias da súa praza. “Esta irregularidade comezou gobernando o PP, pero o PSOE ao que se ve non ten intención de cambiala”, advirten os nacionalistas, que censuran que “todo o que fixo o PP neste tema foi pedir un informe, será porque saben que eles fixeron o mesmo ou peor”.
“No tema de persoal non percibimos ningunha intención de cambiar as vellas prácticas habituais en Betanzos”, incluso a situación empeorou nas relacións cos traballadores, até o punto de que o Comité de Empresa do Concello de Betanzos adoptou o acordo de presentar unha demanda de tutela de dereitos fundamentais contra o Concello de Betanzos por atentar contra a liberdade sindical. Os nacionalistas entenden que “o PSOE volve ao pasado, á prepotencia dos tempos en que tiña maioría absoluta”.