O BNG proporá ao Pleno remitir as irregularidades do Complexo San Roque á Fiscalía
Os gobernos de PSOE e PP non tramitaron a licenza de apertura nin reclamaron a débeda en alugueiro, canon e impostos sen pagar.
Betanzos, 25 de outubro de 2014. O BNG propoñerá ao Pleno que traslade á Fiscalía a situación do hotel e estacionamento do Complexo San Roque para que a Xustiza dirima se hai responsabilidades penais nas actuacións e omisións do goberno e a administración municipal. En xuño o Pleno aprobou unha moción do BNG para reclamarlle todas as débedas á concesionaria, abrir unha investigación e reclamar as responsabilidades oportunas a quen provocou a situación actual destas propiedades municipais e o PSOE nada fixo explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Canto se fixo por parte do goberno municipal do PSOE foi pedirlle un informe ao secretario para tratar de aclarar algo a situación desta concesión explican os edís do BNG. O contido do informe é, cando menos, preocupante e revela unha situación que pode cualificarse como escandalosa sostén o voceiro nacionalista.
Nunca se cumpriu o contrato no relativo ao exterior do edificio, onde debía haber un xardín de parterres xeométricos, con magnolios, camelias e palmeiras e unha fonte explica o concelleiro do BNG. Incluso parte do que debía de ser xardín segundo o contrato está pavimentado para que o use de terraza o restaurante, engade.
Os nacionalistas chaman a atención sobre o feito de que o establecemento funciona sen licenza. O hotel leva sete anos en funcionamento sen que os servizos técnicos e xurídicos municipais tramitasen ou desestimasen a solicitude de licenza explican. Desde o BNG indican que a licenza foi solicitada polo empresario e non foi tramitada pola Administración Local, cousa que reclaman que aclare o Concello.
Ademais, indican que non hai nin houbo ningún uso cultural para o que ía ser museo-degustación e que simplemente é o restaurante e cafetería do hotel. Esta irregularidade vai a mais, indican, ao soster o secretario que o Concello ten probados varios subarrendos que non foron comunicadas ao Concello como o contrato establece. E sen embargo, ningún alcalde ordena a apertura do correspondente expediente nin tampouco o propón de oficio a Administración Local a través dos técnicos correspondentes, parte dos cales redactaron prego e contrato e coñecen as obrigas do Concello e o empresario neste asunto sostén Del Río.
Ademais de non pagar o canon e a renda en todos estes anos, os responsábeis do Complexo San Roque tampouco pagaron os tributos municipais correspondentes, estimando unha débeda de máis de 80 000 euros explican desde o BNG. Resulta sorprendente que desde a Administración municipal non se adoptasen as medidas oportunas para ingresar todos estes cartos que se adebedan ao Concello de Betanzos e se consinta, por inacción, nesta situación sosteñen os nacionalistas. Se un veciño non paga a taxa do lixo ou a contribución enseguida lle van á conta bancaria en vía executiva denuncia Del Río.
Desde o BNG denuncian, ademais, que alcalde e secretario se reuniron co persoal que traballaba no complexo sen facer nada pola situación destas persoas nin dar conta do asunto á Corporación. E desde xuño o goberno do PSOE leva dando voltas para non cumprir o acordado polo Pleno sobre esta concesión municipal, engaden.
Por este motivo o BNG propón que se cree unha comisión que nun mes presente as conclusións da investigación que o goberno do PSOE non quixo levar adiante. Ademais, os nacionalistas propoñen que, se resultan probadas, o Concello abra un expediente de responsabilidade patrimonial contra os membros da Corporación e persoal municipal que resultasen responsábeis da situación descrita anteriormente. En paralelo, o BNG pedirá ao Pleno que acorde remitir toda a documentación sobre o Complexo San Roque á Fiscalía para que determine se hai responsabilidades penais dos concelleiros e técnicos que non actuaron ate este cúmulo de irregularidades.