O BNG propón unha solución para readmitir o GRUMIR
Con parte do novo plan provincial poderíanse financiar servizos municipais e cos cartos previstos para eles no orzamento readmitir aos operarios do GRUMIR.
Betanzos, 9 de agosto de 2012. O BNG explicou esta tarde no Liceo os motivos polos que votou en contra do orzamento municipal e retirou a confianza ao alcalde. Segundo explicou o portavoz nacionalista, Henrique del Río, cremos que o goberno local do PSOE debera dar conta aos veciños e veciñas das súas decisións como estamos a facer desde o BNG, porque entendemos que a democracia non se exerce só o día das eleccións.
O BNG aproveitou o acto público para explicar a súa proposta para solucionar o problema do persoal despedido do GRUMIR logo de que xa haxa catro sentenzas obrigando á súa readmisión. Os nacionalistas recordan a importancia de contar con este servizo, sobre todo na temporada estival, para facer fronte a eventuais situacións de emerxencia ou coordinar eventos masivos.
No orzamento aprobado polo PSOE e CXB non se inclúen cartos para estas readmisións. O BNG propuxo esta mañá nunha xunta de portavoces utilizar unha parte dos cartos que lle corresponden ao Concello polo novo plan provincial para financiar os custos de persoal de xardinería e mantemento viario. Deste xeito evitaríase a privatización do servizo e poderíanse empregar os cartos previstos para isto en financiar a readmisión destes operarios, explicou o portavoz do BNG, Henrique de Río. Esta proposta xa foi trasladada tamén aos representantes dos traballadores municipais nun encontro que o BNG celebrou con eles hai dous días.
Amaño do local social de Guiliade
O BNG propuxo esta mañá na xunta de portavoces financiar a reparación do local social de Guiliade con parte dos fondos do novo plan provincial. Esta proposta conseguiría o financiamento para executar un acordo plenario promovido polo BNG sobre mantemento e dinamización dos locais sociais municipais.