O BNG propón rexenerar o Mendo no Pasatempo
Os nacionalistas apostan pola plantación de árbores autóctonas e a colocación dunha nova varanda que garanta a seguridade das persoas.
Betanzos, 18 de novembro de 2011. O BNG insta ao goberno local a restaurar a beira do Mendo no seu treito xunto ao Pasatempo. Para os nacionalistas, dado que xa non se van construír o hotel e centro comercial proxectados na zona e polos que o Concello ingresou unha indemnización, “é o momento de rexenerar a beira do río para devolverlle a vida”.
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, lembrou que o Bloque opúxose no seu día á ordenación urbanística que o goberno do PSOE proxectou para o Carregal, entre outras cousas “polos edificios que se ían levantar enriba do río”.
Os nacionalistas entenden oportuno rematar co amaño da zona logo de que se instalara a ponte de madeira restaurando as beiras do Mendo coa plantación de árbores autóctonas e a colocación dunha nova varanda que garanta a seguridade das persoas que pasean pola zona.
Os nacionalistas entenden que esta actuación exixirá un investimento “modesto” pero supoñerá unha mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas de Betanzos. “Apostamos por un urbanismo sustentábel e a posta en valor dos ríos que pasan polo centro de Betanzos” incidiu Del Río.