O BNG propón no Pleno ubicar a estación de buses fronte ao paseo da Galera
Del Río: A estación de autobuses ten que ter como obxectivo dar un servizo público aos usuarios de maior calidade, non só sacar o tráfico de buses do centro da cidade.
Betanzos, 29 de agosto de 2012. O BNG defendeu no Pleno aproveitar a redación do novo Plan Xeral de urbanismo para situar a estación de buses nun lugar onde dea o máximo servizo aos usuarios, segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Desde o BNG manteñen que para que a infraestrutura sexa útil para os veciños e veciñas debe situarse nun lugar próximo ao centro urbano, onde o tránsito de autobuses non xere colapso no tráfico e próximo aos lugares de maior actividade, como os centros escolares, o Casco Histórico e a zona comercial e de servizos de Betanzos. Todos estes requisitos, segundo os nacionalistas, cúmprense na zona situada fronte o paseo da Galera, que foi a alternativa defendida de sempre polo BNG. Ademais, quedaría situada moi próxima á estación do ferrocarril, abunda o voceiro do BNG.
Se un veciño ou veciña ten que ir no seu vehículo particular até a estación de autobuses, no porto, para ir a traballar pola mañá, xa segue até o traballo no seu vehículo, explicou o voceiro nacionalista. A estación de buses ten que dar un servizo aos usuarios de transporte público, non entender este transporte como un problema e pretender só sacar os autobuses do centro prexudicando o servizo. Os nacionalistas advertiron no Pleno que o cometido da estación de autobuses non é, como dixemos, nin sacar os autobuses do centro nin acoller, como quería o PSOE, centros comerciais e aparcamentos soterrados: debe ser dar o máximo beneficio para os usuarios do transporte público, polo que ubicala nun sitio alonxado dos usuarios é en realidade acabar co transporte público.
Neste sentido, aseguran que a infraestrutura por si soa non amaña ningún problema, senón que é só unha axuda para outro tipo de medidas que potencien o uso do transporte público, aínda que estas medidas serían xusto aa liña oposta á que está levando o PP no estado con supresión de liñas de ferrocarril e a súa proposta de privatización de RENFE.
O PP quere facer unha estación só para que os buses aparquen no porto, sen dar servizo ás persoas
Por este motivo, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, lamentou as declaracións do PP, que afirmou que a construción da estación de autobuses no entorno do porto de Betanzos ía ofrecer só un lugar para estacionar os vehículos, xa que as paradas para os viaxeiros ían manterse nas súas actuais ubicacións. Unha estación feita nese lugar e con esas pretensións é estragar os cartos públicos, advertiu o edil do BNG, que asegurou que hai que buscar que a estación sexa operativa realmente e preste un servizo aos usuarios do transporte público, que son quen a van usar.
Por este motivo, asegurou que xa que os orzamentos da Xunta non contemplan ningunha cantidade para esta obra e que o investimento público vai seguir caendo, o Concello debe pensar o mellor lugar posíbel para ubicala e non acabar un proceso que empezou o PP polo simple feito de que o PP o deixou en marcha ao saír do goberno. Asegura que este proceder sería unha irresponsabilidade por estragar os cartos públicos nunha estación que non ía prestar servizo ningún e que o realmente responsábel é aproveitar que se vai empezar a redacción dun novo Plan Xeral para ubicar a estación no mellor sitio posíbel para os seus usuarios.
Del Río emprazou ao PP a recordar os argumentos que defendían cando querían meter a estación de buses en Bellavista, antes de cambiar de criterio e tirar polo porto como o PSOE. Por este motivo, lamentou que o PP pretenda seguir adiante coa modificación das normas de planeamento neste momento só para acabar uns trámites que o PP empezou no goberno local, aínda sabendo que nin é a mellor ubicación nin nese lugar vai dar servizo a estación a quen realmente ten que dalo, que son os usuarios do transporte.