O BNG propón declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía
Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional
Betanzos, 17 de febreiro de 2012. O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno da Corporación municipal unha moción para declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía no concello de Betanzos. O acordo contén unha proposta para emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da escritora que impliquen á veciñanza, nesta data recollida oficialmente pola Consellaría de Cultura da Xunta de Galiza no seu Calendario do Libro e da Lectura. Ademais, proponse realizar unha lectura pública da obra rosaliana na que o alumnado dos centros escolares, veciños, veciñas e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.
Segundo expón o texto da moción, Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.
Para a formación nacionalista, a súa obra é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade. Desde o século XIX Rosalía de Castro foi homenaxeada polas galegas e os galegos como poeta nacional, pois reclamou a redención da patria galega e asumiu a voz do seu pobo, voz que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento, expresa o documento. Esta galeguidade intrínseca dos seus textos, esta comunicación e entendemento permanente co seu pobo, ao se dirixir a el no seu idioma propio, foi o que a fixo tamén poeta de todos os pobos, chegando a formar parte da nómina de escritoras máis destacadas da literatura universal de todos os tempos, engade.
Por estes motivos, Xosé Vales e Henrique del Río entenden que a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribúen a coeducar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural.
Agardamos que, de aprobarse, o goberno local cumpra esta moción, indica o voceiro do BNG en Betanzos, Henrique del Río, lamentando que o executivo do PSOE non fixera o propio coa moción que a Corporación aprobou contra a privatización da escola infantil do Pasatempo.