O BNG propón que se coloquen aparcabicicletas en distintos puntos da cidade
Os nacionalistas reclaman que o concello asuma este investimento ridículo para dar alternativas de mobilidade á veciñanza
Betanzos, 19 de decembro de 2014. O BNG propuxo no Pleno que se coloquen aparcabicicletas en distintos puntos da cidade para permitir o estacionamento das bicicletas e fomentar unha alternativa sostíbel e saudábel de mobilidade para a nosa veciñanza. Consideramos que hai lugares nos que se poderían colocar este tipo de instalacións, como por exemplo xunto á biblioteca, as distintas oficinas municipais ou de outras administracións ou nas distintas pistas deportivas, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Neste sentido, os nacionalistas reclamaron que se repoña o aparcabicicletas que estaba colocado xunto á piscina municipal. Hai un tempo foi retirado, obrigando ás persoas usuarias deste servizo a buscar onde deixar as bicis mentres acoden á piscina, polideportivo ou campo de fútbol lembrou no Pleno o edil do BNG. Hai outro instalado ao pé dos ferros da Porta da Vila no inicio da Fonte de Unta que nunca se puido usar para o seu cometido porque non está emprazado correctamente abundou. Desde o Bloque reclamaron ao goberno local que repoña e resitúe estes dous aparcabicicletas para dar servizo á veciñanza.
É certo que hai moitas rúas empinadas na nosa cidade, pero non é menos certo que practicamente todas contan cunha alternativa menos exixente desde o punto de vista físico, engadiu o concelleiro do BNG. O goberno local debe traballar porque a bicicleta teña un papel central na mobilidade das persoas, como acontece en países como Holanda, Dinamarca ou Alemaña, que, con condicións meteorolóxicas máis extremas que as nosas, alcanzan cifras de viaxes en bici moi superiores, explica o voceiro do BNG.
Repoñer ou reubicar os aparcabicicletas que había non ten ningún coste para o Concello e colocar algún máis ten un custe moi modesto, engade Del Río. É, polo tanto, unha cuestión que depende máis da vontade política que dos orzamentos, explica. Por este motivo, o Bloque demanda do goberno local que neste tema, como noutros moitos, pase das declaracións aos feitos e dea realmente á nosa veciñanza as facilidades para poder optar por esta alternativa de mobilidade.