O BNG propón cobrar unha taxa aos bancos que teñen caixeiros na rúa
“Está por ver se PP e PSOE prefiren incrementar os ingresos municipais ou pola contra prefiren seguir beneficiando á banca como fixeron até agora no Estado”
“Está por ver se PP e PSOE prefiren incrementar os ingresos municipais ou pola contra prefiren seguir beneficiando á banca como fixeron até agora no Estado”
Betanzos, 8 de novembro de 2011. O BNG proporá cobrar unha taxa ás oficinas bancarias que conten con caixeiros automáticos na rúa. Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, “isto é tamén unha ocupación de vía pública para facer negocio e é xusto que se pagan os particulares ou os negocios de hostelaría, pague tamén a banca”.
Os nacionalistas consideran que este novo tributo sobre os caixeiros na vía pública reportaría “novos ingresos ás arcas municipais” nun momento en que “a entrada de cartos se reduce”. A taxa que propón crear o BNG xa existe noutros concellos. Nalgúns deles os bancos recorrérona nos tribunais pero foi avalada polo Tribunal Supremo.
“É xusto que pague máis quen máis ten” indicou Del Río. Os nacionalistas consideran que esta nova figura apenas terá incidencia “nos elevados beneficios da banca” pero supoñerá “un ingreso importante para as arcas municipais”.
Os nacionalistas avogan por unha fiscalidade xusta e progresiva, tamén no ámbito municipal. “Está por ver se PP e PSOE prefiren incrementar os ingresos municipais ou pola contra prefiren seguir beneficiando á banca como fixeron até agora no Estado”, emprazou o voceiro nacionalista.
Incrementar a presión fiscal para sacar os transportes especiais do centro
O BNG propón tamén subir as taxas que gravan o paso de grandes camións polo centro de Betanzos. Os nacionalistas entenden que será un incentivo para que as compañías utilicen outros traxectos. Neste sentido, Henrique del Río lembrou que o BNG levou ao Congreso facer libre de peaxe o tramo da AP9 que salva a ría de Betanzos para sacar o tráfico pesado dos barrios da Ribeira e a Ponte Vella. “Nin PSOE nin PP apoiaron a nosa proposta”, recordou.