O BNG propón a BN e CxG unha moción conxunta pola remunicipalización do complexo deportivo municipal
O BNG fai esta proposta logo de ter acceso á auditoría que constata os incumprimentos de Viaqua co fin de garantir a calidade do servizo
O BNG mostrou tamén a súa preocupación polos postos de traballo do polideportivo municipal no momento en que se produza o cambio na empresa concesionaria que, aínda que xa foi aprobado polo Pleno en outubro, non se produciu.
Betanzos, 25 de maio de 2016. O BNG propuxo esta mañá a BN e CxG presentar unha moción conxunta pola remunicipalización do complexo deportivo do Carregal. As nacionalistas fan a proposta logo de ter acceso á auditoría encargada polo goberno local para permitirlle a Aquagest-Viaqua desfacerse da concesión transmitíndolla a outra empresa. "Incúmprense moitas das condicións do contrato, desde o relativo aos horarios ata o relativo ás instalacións segundo pon de manifesto este documento", explica Del Río.
No BNG consideran que todos os incumprimentos que relata o auditor, entre eles o desleixo máis absoluto por normativa de seguridade con substancias químicas, temperatura e humidade de piscinas públicas ou mesmo o mantemento axeitado da maquinaria da instalación, déronse "porque o goberno local, que é quen ten que velar por dar un servizo de calidade á veciñanza, o permitiu".
As nacionalistas explicaron que son múltiples e continuas as queixas polo mal funcionamento da piscina municipal e das pistas polideportivas do Carregal. A veciñanza achéganos queixas continuas polo mal servizo, polos horarios, polos peches en épocas vacacionais durante os que seguen cobrando as taxas e até pola temperatura da auga, indicou o voceiro nacionalista, a xestión privada é evidente que busca aforrar cartos para incrementar a marxe de beneficio.
Desde o BNG recordan que propuxeron que se estudara a posibilidade da xestión directa deste servizo mentres que o goberno local parece decidido a consentir un traspaso da concesión a unha nova empresa privada. As nacionalistas lembran que o seu foi o único voto en contra a que se permitise a Viaqua ceder a concesión do complexo deportivo do Carregal- as dúas piscinas e o pavillón municipal- a outra empresa no pleno do pasado mes de outubro.
O grupo nacionalista propón esta moción conxunta para dar máis forza á súa proposta da xestión directa do servizo fronte á privatización que defenden PP e PSOE.
Garantir os postos de traballo
O BNG mostrou tamén a súa preocupación polos postos de traballo do polideportivo municipal no momento en que se produza o cambio na empresa concesionaria que, aínda que xa foi aprobado polo Pleno en outubro, non se produciu. As persoas que traballan no polideportivo desde hai anos teñen dúbidas sobre os seus dereitos neste caso. Solicitamos ao goberno que garanta o mantemento dos postos de traballo e que pida un informe aos técnicos municipais sobre a situación en que quedan os postos de traballo, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.