O BNG presentará unha moción en apoio á ILP para a defensa da sanidade pública en Galiza
Os nacionalistas reclaman que se garanta a sanidade pública como servizo universal, gratuíto e de calidade, así como manter a xestión pública e directa do sistema de saúde de Galiza.
Betanzos, 15 de febreiro de 2012. O BNG levará ao vindeiro Pleno ordinario de marzo unha moción de apoio á iniciativa lexislativa popular para a defensa e promoción da sanidade pública en Galiza. Os nacionalistas piden na moción manifestar o apoio da Corporación municipal á Iniciativa Lexislativa Popular impulsada pola Plataforma SOS Sanidade Pública e animar a veciñanza a colaborar coa iniciativa e instar a Xunta de Galiza e a Consellaría de sanidade a garantir a sanidade pública como servizo universal, gratuíto e de calidade e a manter a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza.
"O PP está a desenvolver unha campaña neoliberal de desmantelamento da sanidade pública"
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, salienta que a sanidade pública constitúe un elemento básico do Estado Social e un claro indicador de equidade e solidariedade. "Con todo, nos últimos tempos, estes principios aparecen cuestionados por unha campaña neoliberal de ataque e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde, unha campaña liderada polo PP", apunta. "O deterioramento da sanidade galega é froito de tres anos de decisións erráticas do Goberno que dirixe Feijóo", engade.
O edil nacionalista denuncia a redución do orzamento sanitario, que está a levar a sanidade pública a unha situación de limitación dos recursos necesarios para o mantemento da actividade dos servizos, e a un grao de endebedamento incompatíbel co sustento do sistema público.
O BNG lembra o recurte en pediatría e a desactivación da tarxeta sanitaria a persoas sen recursos e desempregadas
"A sanidade pública non debe converterse na vítima da crise", salienta Del Río, quen denuncia que as políticas do PP na Xunta de Galiza se traduciron "ademais de na rebaixa cada ano dos orzamentos, en máis listas de espera, na incapacidade para atender os provedores, nos recortes dos dereitos da atención, no abandono das asociacións que fan labores de prevención e asistencia así como no continuo deterioramento das condicións laborais dos profesionais da cidade".
Feijóo reduciu o horario de atención de pediatría polas tardes no centro de saúde de Betanzos
Como mostra dos tesoirazos do PP en materia de sanidade, os nacionalistas recordan que Feijóo reduciu o horario de atención de pediatría polas tardes no centro de saúde de Betanzos. O BNG levou este asunto ao Parlamento dado que supón unha discriminación para as persoas que viven no rural en Betanzos e a súa zona de influencia.
Ademais, o portavoz do BNG recordou tamén a desactivación sen previo aviso das tarxetas sanitarias ás persoas desempregadas de longa duración e ás persoas sen recursos. "Resulta incríbel que un Goberno deixara sen atención sanitaria gratuíta e sen medicinas milleiros de cidadáns e cidadás", destaca. Os nacionalistas consideran fundamental "a universalidade e gratuidade da sanidade pública, e garantir a accesibilidade á atención de saúde e condicións equitativas para toda a poboación, independentemente da súa capacidade económica".