O BNG pon o DesConcerto coma un exemplo da súa política cultural
A participación na definición do evento e os seus contidos é o modelo a exportar ao resto da programación cultural municipal, según os nacionalistas. “Contaremos cos grupos noveis para a programación cultural do Concello, mesmo no programa das festas patronais de San Roque”.
A participación na definición do evento e os seus contidos é o modelo a exportar ao resto da programación cultural municipal, según os nacionalistas. “Contaremos cos grupos noveis para a programación cultural do Concello, mesmo no programa das festas patronais de San Roque”.
Betanzos, 13 de maio de 2011. Galiza Nova presentou onte nos locais de ensaio de Bellavista o disco “DesConcerto Son”. A organización xuvenil do BNG explicou que este CD está composto por 12 cancións cedidas de xeito gratuíto por grupos musicais noveis que participaron ou apoian o DesConcerto- desde os locais Casual Troupe ou Miks a artistas xa consagrados coma Loretta Martin ou AID-. O DesConcerto é o festival de música que organiza Galiza Nova cada verán na praza da Constitución, que se está a convertir nunha cita obrigada para as bandas noveis da área metropolitana coruñesa.
Na presentación da gravación, que proximamente estará á venda en varios locais de Betanzos, Anxo Arcay, responsable das mocidades nacionalistas e integrante da candidatura do BNG, indicou que o DesConcerto é precisamente o modelo de política cultural que pretende implantar o BNG. “Os grupos e as entidades colaboradoras decidimos conxuntamente a programación e o resto dos contidos do festival” explicou Arcay.
No BNG remarcan que esta participación na definición do evento e os seus contidos é o modelo a exportar ao resto da programación cultural municipal. Así o explicou o candidato nacionalista á Alcaldía, Henrique del Río, que se comprometeu ademais a potenciar os locais de ensaio- un dos logros do BNG no bipartito que rexiu Betanzos hai anos.
“Contaremos cos grupos noveis para a programación cultural do Concello”, indicou Del Río, “mesmo no programa das festas patronais de San Roque”. Os nacionalistas xa teñen levado esta proposta varios anos á comisión de festas do Concello sen que o goberno do PP a tomase en consideración.