O BNG solicita un incremento de persoal nos servizos complementarios do Vales Villamarín
Amelia Sánchez: “resulta imprescindíbel que se contrate persoal para cubrir os servizos de limpeza, de mañanceiros e de comedor. A saúde e a seguridade das pequenas e das súas familias debe ser o primeiro”.
Betanzos, 9 de setembro de 2020. A escasas horas do inicio do curso escolar, o BNG informou de que solicitará o incremento do persoal que cubre os servizos auxiliares do CEIP Francisco Vales Villamarín.Segundo explicou a concelleira nacionalista, Amelia Sánchez, “resulta imprescindíbel que se contrate persoal para cubrir os servizos de limpeza, de mañanceiros e de comedor”.
Como comentou a voceira do BNG, “a persoa que exerce os labores de limpeza do aulario do Vales é a mesma que se encarga de mudar as pequenas cando o necesitan. Atender este cometido e incrementar a limpeza do centro vaille resultar, cando menos, complicado”. Canto ao servizo de mañanceiros, as monitoras deben encargarse de dar os almorzos e vixiar o alumnado que non solicita o servizo de almorzo ao mesmo tempo, polo que é vital a contratación de persoal. “Se queremos manter os grupos de convivencia estábel, os coñecidos grupos burbulla, a rapazada debería estar separada por aulas e este cometido require moito control por parte dos monitores.” Algo similar acontecería co servizo de comedor.
“Nestes días escoitamos queixas das familias pola falta de información ao respecto”, salientou Sánchez, quen tamén se amosou moi preocupada por como esta falta de persoal podería afectar á seguridade das pequenas e das súas familias.