O BNG pide precaucións ante unha casa en risco de caída na parada do bus escolar en Bellavista
Diante dun problema similar no Mandeo, o goberno local respondeunos en outubro que 'ese inmoble está pendente de informes dos servizos técnicos para, de ser o caso, realizar os requerimentos oportunos'. Sen embargo pasaron xa tres meses e non hai absolutamente nada e o perigo para escolares, peóns e tránsito continúa.
Betanzos, 2 de febreiro de 2015. O BNG advertiu no Pleno do perigo que representa unha vivenda ruinosa e chea de fendas a carón dunha parada do transporte escolar. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, advertiu desta situación en Bellavista, no cruce da rúa Concepción Arenal coa Avenida de Castela, a carón do cruceiro da Cruz Verde.
Segundo relatou o edil do BNG, trátase dunha vivenda unifamiliar deshabitada que presenta fendas dun tamaño considerábel. Esta situación xa de por si delicada, explicou, resulta máis preocupante aínda dado que a carón desta vivenda hai unha parada do transporte escolar.
Por este motivo, os nacionalistas urxiron ao goberno local a actuar rapidamente para corrixir a situación e reducir ao mínimo o risco de incidentes e accidentes. Por que aínda non se fixo nada e que se agarda para actuar?, preguntou o voceiro do BNG.
Problema similar no Mandeo
Os nacionalistas xa advertiron en setembro, tamén no Pleno, dun problema similar a este que se dá a carón da parada do autobús escolar na rúa do Mandeo. Esta vivenda con risco de desplome, ademais dun problema para o tránsito que soporta a estrada de Obre, é un perigo para os nenos e nenas que pasan a diario baixo ella cara a parada do bus escolar, que está alí preto, advertía daquela o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O goberno local respondeunos en outubro que 'ese inmoble está pendente de informes dos servizos técnicos para, de ser o caso, realizar os requerimentos oportunos' explica Del Río. Sen embargo pasaron xa tres meses e non hai absolutamente nada e o perigo para escolares, peóns e tránsito continúa, engade.
A este problema hai que sumar o exceso de velocidade que a veciñanza denuncia continuamente na rúa do Mandeo explican os nacionalistas, que demandan do goberno local que tome as medidas que sexan precisas para garantir a seguridade viaria na zona.