Acaba de facer un ano, o 17 de xuño, do pleno de investidura da corporación que resultou das eleccións municipais do pasado 2023. Un ano despois pensamos que é momento de facer unha valoración, unha análise da situación do noso concello.
No BNG apoiamos a investidura do goberno municipal do PSOE porque o compromiso coas nosas votantes sempre foi evitar un goberno de dereitas, que pensamos que sería tremendamente prexudicial para Betanzos. Ao PP, como está demostrando a diario, non lle preocupan os problemas dos veciños e veciñas, senón chegar ao poder como sexa a costa do que sexa.
O BNG está na oposición no concello de Betanzos, apoiamos a investidura da alcaldesa do PSOE chegando a un acordo en temas concretos. Acordo que nós xa cumprimos e que esperamos que o PSOE cumpra. Fóra deses temas, nós ao longo deste ano votamos con liberdade o que consideramos mellor para a veciñanza.
Durante estes doce meses, desde o BNG traballamos en positivo, presentamos máis de 120 iniciativas e demostramos que temos propostas e capacidade e somos a alternativa de goberno que Betanzos precisa. Fronte a un PSOE sen proxecto nin ilusión, instalado no desleixo, e un Partido Popular que só quere conseguir o poder e non lle importa dar solución aos problemas das veciñas e veciños nin avanzar, no BNG demostramos que se pode traballar en positivo todos os días e conseguir avances para mellorar a vida diaria da veciñanza.
Lideramos e conseguimos avances en ámbitos como a igualdade, coa desaparición da figura da Raíña das Festas e a súa substitución por unha figura máis igualitaria e democrática; conseguimos avances en transparencia, coa mudanza do sistema de subvencións nominativas por outras ás que todas as entidades se poidan presentar en igualdade de oportunidades; e conseguimos avances no modelo de cidade no que seguimos traballando para conseguir mudanzas no PXOM que se está a tramitar para a reserva das zonas inundábeis do Carregal para espazos libres ou a eliminación das urbanizacións e o vial que se prevía executar en Infesta.
Nestes primeiros doce meses vimos como, cun BNG decisivo, outro xeito de facer as cousas é posíbel. O 17 de xuño do pasado ano púxose en movemento un cambio a mellor, onde as preocupacións e necesidades das betanceiras e betanceiros volven estar no centro das políticas, e iso só é posíbel da man BNG de Betanzos. Traballaremos con responsabilidade e coherencia agardando que nun futuro poidamos liderar ese cambio, porque Betanzos merece máis!