O BNG pedirá no Pleno a creación dun Servizo de Atención Temperá
Desde o BNG solicitarán no Pleno que se inicien os trámites para crear o Servizo de Atención Temperá, que se estableza unha canle de comunicación cos Departamentos de Orientación dos centros educativos para detectar e atender estes casos e que se inclúa o Concello de Betanzos dentro da Rede Galega de Atención Temperá
Betanzos, 30 de agosto de 2021.- O BNG pedirá no Pleno a creación dun Servizo de Atención Temperá. “A atención temperá é unha práctica centrada na detección e tratamento de problemas físicos e cognitivos que teñen a ver co desenvolvemento dos nenos e nenas desde o seu nacemento e nos seus primeiros anos de vida”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“Existe desde hai uns anos unha Rede Galega de Atención Temperá, onde se inclúen aqueles concellos que colaboran nestas cuestións. Nestes concellos desenvólvense unha serie de actividades e de accións, dirixidas ás crianzas entre 0 e 6 anos e ás súas familias, para darlles resposta o antes que for posíbel ás necesidades que presentan os nenos e as nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos, co fin de contribuírao desenvolvemento da súa autonomía persoal e á súa inclusión social”, engadiu.
“O Concello de Betanzos non se atopa entre as institucións que participan nesta rede, un feito que consideramos imprescindíbel para unha correcta atención á infancia e ás familias betanceiras, máxime no medio dunha situación como a que estamos a vivir provocada pola pandemia do Covid -que ralentizou de maneira considerábel a atención destas necesidades-“, indicou a portavoz nacionalista.
Por todo isto desde o BNG solicitarán no Pleno que se inicien os trámites para crear o Servizo de Atención Temperá, que se estableza unha canle de comunicación cos Departamentos de Orientación dos centros educativos para detectar e atender estes casos e que se inclúa o Concello de Betanzos dentro da Rede Galega de Atención Temperá.