O BNG pedirá na comarca que a limpeza do ríos vaia mais alá dunha roza estival

O BNG pedirá na comarca que a limpeza do ríos vaia mais alá dunha roza estival

Un grupo de piraguas polo Mandeo

“Está moi ben limpar o río no verán, pero é moita hora de que os gobernos empecen a pensar na súa veciñanza, que reside e paga impostos todo o ano”. O BNG celebra que o GDR das Mariñas, aposte por ceder terreos municipais sen uso a persoas desempregadas para cultivar alimentos como propuxo o BNG en Betanzos.

Betanzos, 25 de marzo de 2013. O BNG pedirá que a proposta do PSOE sobre a marxes do Mendo e Mandeo se complete erradicando os verquidos que se seguen a producir. “Por desgraza o Mandeo ten problemas moito máis preocupantes que a limpeza das beiras”, indicaron os nacionalistas.

Os nacionalistas comparten a necesidade de retirar árbores caídas ao cauce para garantir a seguridade das persoas que navegan polo río e combater os desbordamentos, mais apuntan que “o principal problema do Mandeo non está nas súas beiras, senón na calidade da súa auga”. “Hai que garantir que a limpeza non afecta á cantidade de especies que viven do río”, recomendan.

Desde o BNG lamentan que o goberno do PSOE en Betanzos entenda necesario limpar o río “só no verán e de cara ao turismo e pretendan exportar esta visión reducionista a toda a comarca”. “Está moi ben limpar o río no verán, pero é moita hora de que os gobernos empecen a pensar na súa veciñanza, que reside e paga impostos todo o ano”, reprochan.

“Falar neses termos implica ignorar o patrimonio que encerra o Mandeo e esquecer por completo a súa posta en valor todo o ano”, aseguran desde o BNG das Mariñas.

Por todo isto, o BNG propoñerá modificar o acordo do PSOE para incorporar a necesidade de reclamar á Xunta a erradicación dos verquidos á ría e aos ríos e a súa posta en valor. Tamén pedirán que os concellos da comarca asuman como unha prioridade poñer fin aos verquidos industriais e de augas fecais aos ríos e á ría.

O BNG alégrase de que se vaia a poñer en marcha o seu proxecto de ceder terras baleiras a persoas sen emprego

O BNG celebra que o PP, desde o GDR das Mariñas, aposte por ceder terreos municipais sen uso a persoas desempregadas para cultivar alimentos. “É unha boa noticia que alguén no PP recoñeza que a nosa proposta era moi necesaria”, indicou o voceiro do BNG Henrique del Río. “Aínda que é unha lástima que teña que vir Santiso Miramontes a achegar á realidade ao PP de Betanzos, que ten como máximas preocupacións a celebración do centenario dun tren que van desmantelar e as macetas piramidais que non están no Campo”, ironizou.

O BNG pedirá na comarca que a limpeza do ríos vaia mais alá dunha roza estival