O BNG nunca vai chegar a ningún acordo co PP

O BNG nunca vai chegar a ningún acordo co PP

Henrique del Río e María Otero nunha comparecencia pública

“Quedou moi claro que CxB exixiu para dar o seu apoio destruír emprego público e reparto a dedo das subvencións e que o PSOE dobrouse con tal de manterse na cadeira”. O PSOE non vai aprobar o seu orzamento calcado das propostas da dereita, senón que se está valendo dunha triquiñuela legal para aferrarse ao poder, e salvalo ‘in extremis’.

Betanzos, 3 de agosto de 2012. O BNG valorou esta mañá o debate dos orzamentos e a cuestión de confianza presentada polo alcalde de Betanzos. Neste sentido, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, foi rotundo ao afirmar que “o BNG nunca vai permitir que o PP goberne Betanzos se están na nosa man”. “Sería terríbel para Betanzos e non imos consentilo”, abundou.

Os nacionalistas arremeteron contra o discurso “hipócrita e oportunista” empregado polo PP o pasado martes. “O PP dos recortes antisociais, da destrución de emprego público, da privatización dos medios de comunicación e os servizos públicos aquí ven facer un discurso que é o contrario ao que aplica cando goberna”, censurou o voceiro do BNG, Henrique del Río. “Menos mal que este electoralismo do PP xa non engana a ninguén”, asegurou.

Os nacionalistas lamentaron que o goberno local do PSOE “está vendido á dereita con tal de manter o poder a toda costa”. “Quedou moi claro que CxB exixiu para dar o seu apoio destruír emprego público e reparto a dedo das subvencións e que o PSOE dobrouse con tal de manterse na cadeira”, indicou. “O lóxico sería que o goberno do PSOE, o seu socio de CxB e o PP deixaran de escenificar unhas diferenzas que son só unha pose electoralista xa que comparten visión e políticas”, aseguran desde o BNG.

"Alá o PSOE se fai agora o contrario do que prometeu en campaña"

“Alá o PSOE se fai agora o contrario do que prometeu aos veciños e veciñas en maio do ano pasado, no BNG defendemos outra forma de facer política e non imos defraudar a quen confiou en nós”, concluíu o voceiro nacionalista. “Defendemos unha política baseada na transparencia, na igualdade de oportunidades de todas as persoas e colectivos e os servizos públicos e quen queira achegar posturas co BNG xa sabe cal é o noso discurso”, engadiu.

Os nacionalistas explicaron que o PSOE non vai aprobar o seu orzamento calcado das propostas da dereita, senón que se está valendo dunha triquiñuela legal para aferrarse ao poder, e salvalo ‘in extremis’, aínda coa maioría dos veciños e veciñas en contra.

“O BNG defende outra forma de facer política e polo tanto non imos apoiar estes orzamentos e retiramos a confianza ao alcalde”, anunciou. “Sen o apio do BNG nunca vai ser imposíbel un goberno do PP en Betanzos”, asegurou o voceiro nacionalista, “e desde logo o PP nunca vai ter o apoio do BNG”.

O BNG nunca vai chegar a ningún acordo co PP