Betanzos ten dereito ao novo colexio público

Cartelaría da campaña polo colexio que está levando adiante o BNG
Betanzos ten dereito ao novo colexio público

O ordenamento xurídico, a empezar pola Constitución, define o dereito á educación no seu artigo 27, advertindo que “a educación terá por obxecto o pleno desenvolvemento da personalidade humana no respecto aos principios democráticos de convivencia e aos dereitos e liberdades fundamentais” e que é obriga dos poderes públicos garantir “o dereito de todos á educación, mediante unha programación xeral do ensino, con participación efectiva de todos os sectores afectados e a creación de centros docentes”.

Na mesma liña, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos recolle no seu artigo 26 que “toda persoa ten dereito á educación. A educación debe ser gratuíta, polo menos no concernente á instrución elemental e fundamental. A instrución elemental será obrigatoria”. Segundo o Estatuto de Autonomía, é “competencia plena” de Galiza a regulación e administración do ensino.

Desde que no ano 2007 o Concello de Betanzos acordou a expropiación dos terreos para o novo colexio pasaron catro anos nos que se dilatou a posta a disposición da Xunta dos terreos. Desde ese momento os orzamentos da Xunta de Galiza recolleron cantidades moi afastadas do custo real de construción dun colexio de quince unidades.

Os orzamentos da Xunta para este 2013 repiten a cantidade de 100 000 euros para a construción do colexio, o que na práctica fai imposíbel que estea operativo no curso 2013-14 como comprometeu aínda recentemente o presidente da Xunta.

http://youtu.be/FgUstRVaORk

Os datos demostran que a construción do colexio de Betanzos é a máis urxente de toda a área metropolitana. O CEIP Vales Villamarín conta con 308 alumnos de segundo ciclo de educación infantil, 229 alumnos en 1º ciclo de primaria, 212 alumnos no segundo e 227 alumnos no terceiro, facendo un total de 976 alumnos. Os datos do padrón indican que para o vindeiro curso superará os mil matriculados, cunhas instalación que quedarán totalmente colapsadas, pois a día de hoxe hai 65 profesores para preto de 1.000 alumnos. O centro ten liñas de transportes cheas ou saturadas, falta de mobiliario adecuado, falta de aulas para desenvolver outras actividades (ao punto de que as aulas de apoio están a se impartir nos corredores) e os nenos e nenas 2º e 3º ciclo, sen saír ao patio en días de auga polo problema evidente de falta de espazo. Con estes datos, o Vales Villamarín é o centro máis masificado de Galiza e a situación chegou xa a ser insostíbel e a demandar unha actuación inmediata para garantir a calidade do ensino.

Por todo o exposto, o Bloque Nacionalista Galego exixe ao goberno galego que garanta o crédito necesario para a construción do novo colexio de educación infantil en Betanzos, que dá servizo a este concello e a Coirós e Paderne, e que inicie de inmediato a construción do novo centro de ensino infantil en Betanzos a fin de que poida entrar en funcionamento para o inicio do curso 2013-2014.

Documentos relacionados:

proposicion pleno CEIP_Betanzosproposicion comision CEIP_Betanzos

Novas relacionadas:

O BNG exixe no Parlamento o inicio inmediato das obras do novo colexio

O BNG analiza os orzamentos da Xunta en 'Betanzos e a súa comarca'

Del Río: “É unha tomadura de pelo prever que se constrúe un colexio con 100 000 euros”

Betanzos ten dereito ao novo colexio público