O BNG leva a Pleno un plan de dinamización dos locais sociais municipais
Os nacionalistas consideran importante garantir un traballo en rede de todo o tecido social betanceiro e sacar maior rendemento a estes centros.
Betanzos, 25 de xuño de 2012. O BNG presentou para o seu debate no Pleno unha moción para mellorar a conservación e dinamizar os locais sociais de Betanzos. O BNG asegura que, de tomarse estas medidas que propoñen, garantirase un traballo en rede de todo o tecido social betanceiro e sacaríase maior rendemento social a estes centros.
Así, os nacionalistas aseguran que as deficiencias de conservación en diversos locais (nomeadamente no de Guiliade) impide un uso máis constante. Entre as eivas dos locais sociais, o voceiro do BNG, Henrique del Río, sinala pingueiras, enlucidos que caen, pisos levantados ou fiestras que non pechan. Falamos de reparacións pouco custosas que permitirían sacar proveito dos locais municipais, que son un investimento de todos, asegura.
Xunto a isto, o BNG propón reformar o actual portal de asociacións da web municipal para incluír un calendario de uso dos distintos locais -para que a xente coñeza os seus horarios de uso e poida facer previsións de cara a solicitar un uso puntual-, publicitar as actividades das asociacións que xestionan estes locais e incluír un modelo de solicitude, tanto para a inscrición nestas actividades como para solicitar usos puntuais de calquera dos locais sociais municipais. Segundo indicou o voceiro nacionalista, o Concello ten que mediar entre as asociacións que están xestionando os locais e os veciños e veciñas, xa que son locais públicos aos que todos os veciños e veciñas teñen que ter posibilidade de acceso.
Caixa de recursos
O BNG suxire crear unha caixa de recursos que poidan empregar tanto as entidades como os colectivos non formais para facilitarlles recursos materiais e coñecementos para facilitar a organización das súas actividades. Del Río explica que estes recursos deben ser de propiedade municipal e gratuítos no seu uso, e deberían poder solicitarse igualmente desde o reformado portal para asociacións.
Programación formativa
Tamén sería importante artellar un programa de formación para asociacións e colectivos ao longo do curso, acorde coas súas necesidades (contabilidade, impostos, subvencións, creación de asociacións,...) aseguran desde o BNG, que entenden que con estas medidas se fomenta o traballo en rede das distintas entidades e se dan facilidades para que poidan aparecer máis colectivos.