O BNG insiste: o goberno local do PSOE ten que elaborar os orzamentos dun xeito participativo

O BNG insiste: o goberno local do PSOE ten que elaborar os orzamentos dun xeito participativo

O goberno local do PSOE é incapaz para levar adiante este cometido dado que “son incapaces de dialogar mesmo con quen teñen obriga legal de facelo”.

Betanzos, 13 de febreiro de 2012. O BNG insiste na súa demanda de que o goberno local do PSOE elabore os orzamentos dun xeito participativo, contando co parecer dos veciños e veciñas. “Os orzamentos participativos son unha garantía de transparencia”, recordou o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Porén, desde o BNG dubidan da capacidade do goberno local do PSOE para levar adiante este cometido dado que “son incapaces de dialogar mesmo con quen teñen obriga legal de facelo”, aseguran.

Empezamos a dubidar do interese do goberno do PSOE de ter un orzamento este ano cando son incapaces de achegar a documentación completa ao BNG

O BNG lamentou que o goberno local de Betanzos nin negociase o borrador dos orzamentos cos traballadores municipais. O voceiro nacionalista, Henrique del Río, lembrou que por lei o goberno ten que negociar os gastos de persoal cos representantes dos traballadores do Concello. “A delegación da CIG quedou abraiada cando lles informamos da existencia dun borrador de orzamentos que descoñecían”, indicou o edil nacionalista, recordando a conversa que se produciu no marco da rolda de contactos co tecido asociativo para recoller ideas para os orzamentos.

“Descoñecemos se a outros grupos da Corporación o goberno do PSOE achegou a documentación completa pero o BNG non a ten e polo tanto non pode valorar a proposta”. De feito, os gastos de persoal faltan da documentación achegada polo PSOE ao BNG a principios de xaneiro. “Empezamos a dubidar do interese do goberno do PSOE de ter un orzamento este ano cando son incapaces de achegar a documentación completa ao BNG”, indican.

O BNG insiste: o goberno local do PSOE ten que elaborar os orzamentos dun xeito participativo