O BNG esixe que se lle retiren as honras a figuras destacadas da ditadura no Concello de Betanzos

Salvador González: “é necesario reunir a comisión de Nomenclátor, Honras e Distincións para retirarlle as honras a todas estas persoas para darlle cumprimento á lei e para restituír a memoria democrática”.

A moción saíu adiante cos votos do BNG e do PSOE. PP e concelleiros non adscritos posicionáronse en contra.

O BNG esixe que se lle retiren as honras a figuras destacadas da ditadura no Concello de Betanzos

Betanzos, 30 de marzo de 2026. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria, aprobada co seu apoio e do PSOE, co fin de que se lle retiren as honras e distincións a figuras destacas da ditadura franquista en Betanzos. Eses homes contan con distincións como a medalla de prata do concello, rúas ou avenidas no seu nome.

As nacionalistas lembraron que cómpre aplicar á Lei 20/2022, coñecida popularmente como a Lei de memoria democrática, que foi aprobada para darlle cumprimento a parte das reivindicacións que os colectivos de memoria histórica viñan solicitando ao longo das últimas décadas, aínda que non fai xustiza coas vítimas da ditadura

O concelleiro nacionalista Salvador González sinalou que “en pleno 2026 non se pode permitir que se manteñan honras tan elevadas como a medalla de prata ou que o noso rueiro inclúa os nomes de persoas como Juan Jesús García Iribarne, José Fariña Ferreño ou Manuel Fraga Iribarne. Son homes que participaron na preparación dun golpe de estado, que tiveron cargos elevados na ditadura ou que participaron no roubo do pazo de Meirás”.

Desde o BNG lembraron que son numerosas as vilas e cidades (A Coruña, Ferrol, Pontedeume ou As Pontes) onde xa lle teñen retirado as honras a estas mesmas persoas, dando un importante paso na restitución da memoria democrática.

Neste sentido, Salvador González insistiu en que “é necesario reunir a comisión de Nomenclátor, Honras e Distincións para retirarlle as honras a todas estas persoas para darlle cumprimento á lei”.

Na mesma liña, desde o BNG lembraron que hai anos se aprobou unha iniciativa en que se instaba a instalar un memorial para lembrar que no Antigo Cuartel da Garda Civil de Betanzos, hoxe Museo das Mariñas, foi preso e torturado Benigno Andrade, O Foucellas, un dos guerrilleiros antifascistas máis recoñecidos da nosa comarca. Esta iniciativa segue sen verse materializada.

O BNG esixe que se lle retiren as honras a figuras destacadas da ditadura no Concello de Betanzos