O BNG exixirá no Pleno novas bases xerais de contratación de persoal laboral municipal
O BNG informa de que o executivo do PSOE convocou recentemente dous procesos selectivos cunhas bases que van en contra do establecido polas bases xerais de contratación. Os nacionalistas denuncian que esta convocatoria non foi publicada na web do concello, nin comunicada aos representantes dos traballadores.
Betanzos, 23 de agosto de 2012. O BNG exixirá no Pleno que o goberno local presente unhas novas bases xerais de contratación de persoal laboral. Segundo lembrou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, hai un ano aprobouse unha moción do BNG neste sentido e o goberno aínda non as presentou ao Pleno. Os nacionalistas recordan que este acordo foi apoiado polo goberno local do PSOE, mais ignorado ao longo de todo o ano.
Aínda que o PSOE hai un ano se mostraba totalmente partidario de modificar as bases de contratación para conseguir unha maior transparencia e igualdade no acceso ao emprego público, non se convocou unha soa reunión para presentar unha proposta aos diferentes grupos da Corporación, denuncia o portavoz municipal do BNG. Apoian os acordos plenarios como medida publicitaria, mais despois non os executan, lamentou Del Río.
Desde o BNG informan de que o executivo do PSOE convocou recentemente dous procesos selectivos (de orientador laboral e de auxiliar administrativo para servizos sociais) cunhas bases que van en contra do establecido polas bases xerais que o Concello aprobara hai anos, de forma que o goberno local está modificándoas de facto en lugar de traer a aprobación do Pleno unhas novas bases xerais de contratación para persoal laboral.
Non entendemos cal é a política que o PSOE sigue na contratación de persoal, indicou o nacionalista, por un lado amortizan prazas de emprego público e privatizan servizos e por outro aproban convocatorias para contratar persoal laboral temporal. Non nos parece lóxico que as únicas prazas que convoque o concello de Betanzos sexan laborais temporais e asociadas a subvencións, o único que fan e privatizar e promover a precariedade entre os propios empregados do Concello, concluíu.
Neste sentido, os edís nacionalistas denuncian que esta convocatoria non foi publicada na web oficial do Concello, como tamén se comprometera hai un ano o goberno local a facer con todos os procesos selectivos municipais". Esta falta de publicidade na web municipal, ademais, vai "contra o que din as propias bases para a contratación dun auxiliar administrativo para Servizos Sociais. Incúmprense, polo tanto, ademais dos compromisos políticos do goberno, as propias bases da convocatoria, indicou Del Río, que advertiu de que este comportamento, ao noso entender, vulnera as posibilidades reais para acceder á convocatoria en igualdade de oportunidades xa que non se lle da a publicidade necesaria para que calquera persoa poida estar ter acceso á información. O goberno local do PSOE volve a actuar de xeito escurantista ocultando información aos veciños e veciñas, como nos ten afeitos ultimamente, engadiu o voceiro nacionalista.
O PSOE converte o exame teórico nun paripé
Os nacionalistas aseguran non comprender a diferenza nos prazos para presentación de solicitudes por parte das e dos interesados, de dez días nun caso e cinco noutro dos procesos selectivos en marcha e consideran que debera haber un criterio uniforme na Administración local, público e coñecido polo conxunto da veciñanza, para estes procesos selectivos a fin de que poida presentarse o maior número de persoas interesadas. Desde o BNG, aseguran, unhas bases xerais de contratación servirían, entre outras cousas, para fixar uns prazos comúns a todos os procesos selectivos. O contrario indica que podería haber algún outro interese en dificultalo- igual que o feito de non publicárense as bases na web municipal nin darlle traslado aos representantes dos traballadores municipais, advirten.
Unha chapuza de exame
As bases aprobadas polo goberno local do PSOE para contratar un auxiliar administrativo por concurso oposición contemplan un exame tipo test, que a xuízo dos nacionalistas está deseñado de forma chapuceira. A proba consiste nun test de 30 preguntas, con tres posíbeis respostas, onde cada resposta acertada vale un punto, non se resta por respostas erradas e apróbase con 10 puntos. Con este deseño, segundo advirten os nacionalistas, un aspirante que marque todas as respostas da opción a supera a proba teórica. Ademais, a convocatoria incumpre a normativa, xa que o número mínimo de temas para o acceso a praza do grupo D ten que ser como mínimo 20 e a proba deseñada polo equipo de Ramón García ten só 10. Con este deseño o PSOE converte o exame teórico nun paripé, advirten.
Incúmprese a obriga legal de coñecer o galego
O BNG advertiu tamén de que os dous procesos selectivos convocados estes días polo executivo do PSOE incumpren manifestamente a lexislación no tocante ao coñecemento da lingua propia de Galiza. Non se contempla a obriga de demostrar o coñecemento do galego, advirte o voceiro do BNG, Henrique del Río, que asegura que así se incumpren a Lei de Administración Local de Galiza e o texto refundido da Lei da Función Pública de Galiza. Semella que ao goberno local do PSOE o galego só lle preocupa cando lle serve para arremeter contra a Xunta de Feijóo, lamenta o edil nacionalista.