O BNG exixelle ao goberno local que aclare cal vai ser o futuro do Centro de formación ocupacional
Del Río: agardamos que este plan de emprego signifique que o goberno local por fin vai tomar medidas para intentar paliar o grave problema do desemprego.
Betanzos, 2 de marzo de 2012. O BNG solicitoulle ao goberno do PSOE que concrete que medidas, ademais dos cursos que solicitou á Xunta de Galiza, contempla o Pan de emprego que anunciou nos medios. O Plan de emprego que o goberno local anunciou na prensa consiste nos mesmos cursos que todos os anos ou contemplan desde o goberno local algunha medida a maiores como dixeron?, cuestionou o concelleiro nacionalista Xosé Vales. O BNG esixiulle ao goberno local que explique en que van a consistir esas outras medidas encamiñadas a fomentar o emprego.
Segundo os últimos datos oficiais, un total de 1209 betanceiros e betanceiras, con nomes e apelidos, están en situación de desemprego, sinala o voceiro nacionalista, Henrique del Río. O paro aumentou no noso concello un 5,50% no mes de xaneiro deste ano, un total de 63 persoas mais quedaron sen emprego no pasado mes de xaneiro. O BNG agarda que este plan de emprego signifique que o goberno local por fin vai tomar medidas para intentar paliar o grave problema do desemprego no noso concello. A promoción dos postos de traballo debe ser a prioridade deste Goberno municipal, salienta.
Centro de formación ocupacional
O BNG exixelle ao goberno local que aclare cal vai ser o futuro do Centro de formación ocupacional. Ao fío dunha moción presentada polo PP, os concelleiros nacionalistas indicaron que non van a opinar en base a rumores en alusión á polémica entre PP e PSOE en torno ao posíbel peche do centro de formación ocupacional.
Os nacionalistas defenden que o Centro de formación ocupacional é unha ferramenta útil para o aprendizaxe de profesións e actividades vinculadas ao Concello de Betanzos e a súa comarca que non teñen cabida no deseño educativo tradicional.
Neste sentido o voceiro do BNG de Betanzos, Henrique del Río, manifestou que o Centro de Formación Ocupacional debe manterse como un servizo público do Concello de Betanzos . Os nacionalistas incorporaron esta idea na moción que o PP presentou ao Pleno, o Centro de Formación ocupacional é un servizo público e debe seguir sendo, xa que ademais o Concello ten persoal para asumilo, explicou Del Río, non sería lóxico que se cambiaran as funcións deste persoal e se contrataran os cursos de formación a empresas privadas.