O BNG exixe medidas de seguridade nas obras que o Concello contrata a empresas
Os nacionalistas pedirán no Pleno que o goberno local asuma a súa responsabilidade. É unha irresponsabilidade estar xogando así coa vida das persoas, advirten.
Betanzos, 3 de outubro de 2013. O BNG denunciou as deficientes medidas de seguridade con que se están a desenvolver uns traballos de reparación no tellado do mercado municipal de abastos. Como todo o mundo pode ver, hai unha estada fixada a un soporte para un colector do lixo, amarrada cunha cinta de persiana, describe o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os nacionalistas aseguran que a estada, que na súa parte superior está tamén atada con outra cinta, non está homologada para desenvolver traballos á altura en que está. Con estas medidas de seguridade tan deficientes hai dous días había dous operarios subindo á cuberta da Pescadaría, indican.
Desde o BNG exixen de inmediato ao goberno local do PSOE que rectifique a situación e non permita que os traballos continúen ata que os operarios conten coas medidas de seguridade que a lei determina. Se isto é o que fai e permite unha administración, como logo se lle vai pedir aos particulares que cumpran coa normativa, ironiza o voceiro do BNG.
Despois hai consecuencias cando se dan estes feitos, advirten desde o BNG, que consideran moi grave que o Concello non vele por que se cumpran as medidas de seguridade cando ademais está obrigado a facelo como máximo responsábel da obra.
Así, desde o BNG aseguran que o Concello pode ter responsabilidades moi graves no
accidente sucedido esta semana no centro de formación ocupacional. Pola altura da nave o operario tiña que ter un recurso preventivo e o Concello está obrigado a garantir a seguridade estrutural do lugar de traballo, indican.
Os nacionalistas pedirán no Pleno que o goberno local asuma a súa responsabilidade. É unha irresponsabilidade estar xogando así coa vida das persoas, advirten. Por este motivo, o BNG pedirá que se delimiten as responsabilidades do goberno do PSOE e, sobre todo, que se tomen as medidas necesarias para que estas situacións non se volvan repetir.