O BNG exixe ao goberno que cumpra o seu plan de igualdade

O BNG exixe ao goberno que cumpra o seu plan de igualdade

“A pesar de que o Plan de Igualdade recolle expresamente a importancia da conciliación da vida laboral e familiar para a consecución da igualdade, o goberno do PSOE négalle a varias traballadoras un cambio de horario”

Betanzos, 30 de marzo de 2012. O BNG instou no Pleno ao goberno local do PSOE a executar o Plan de Igualdade, aprobado o pasado mes de febreiro. “O goberno local anunciou como gran medida deste plan a creación dun ‘buzón da igualdade’ a onde poder facer suxestións”, indicou o concelleiro nacionalista Xosé Vales. Os nacionalistas ironizaron ao preguntar ao goberno local se vai aplicar o plan de igualdade durante todo o ano ou se “van inaugurar esa conta de correo, que non é nada dificultoso de crear, o vindeiro 8 de marzo”.

Segundo denuncia o BNG, malia aprobar o plan de igualdade o goberno do PSOE non dá pasos precisamente nesta liña no tocante ao persoal municipal. “A pesar de que Plan de Igualdade recolle expresamente a importancia da conciliación da vida laboral e familiar para a consecución da igualdade, o goberno do PSOE négalle a varias traballadoras un cambio de horario” denuncia o BNG. Os nacionalistas indican que esta negativa, ademais, “dáse porque o goberno non responde ás solicitudes das traballadoras”. “Como casa esta actitude coa aprobación dun plan de igualdade?”, inquiriu o nacionalista Xosé Vales.

“O goberno do PSOE está a ter unha actitude bastante hipócrita no tocante á igualdade”, denuncia o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. “Usaron a igualdade para aprobar un plan, de forma efectista en vésperas do Día das Mulleres, pero no día a día está visto que a igualdade preocúpalles máis ben pouco”. Ademais, os nacionalistas lamentan “a pouca valentía” do executivo do PSOE ao “non responder ás solicitudes dos traballadores”, o que, ademais, “denota unha certa prepotencia”. Desde o BNG alertan de que esta actitude do executivo de Ramón García “podería estar provocando prexuízos ás traballadoras que solicitaron a conciliación e reciben a calada por resposta”.

Para os nacionalistas, “isto denota a pouca coherencia do PSOE con este tema, como demostra tamén o feito de que aproban un plan de igualdade e manteñen unha figura como a raíña das festas”. Por este motivo, reclaman ao goberno local do PSOE “un pouco de coherencia nas súas actuacións”. “O BNG defendeu sempre a supresión deste tipo de eventos porque acreditamos na igualdade no día a día, máis alá dunha data concreta”, indican.

O BNG exixe ao goberno que cumpra o seu plan de igualdade