O BNG esíxelle ao goberno local que contrate persoal para cubrir as baixas na escola infantil municipal
Amelia Sánchez: “Os problemas de falta de persoal lévanse repetindo desde o ano 2011, con recortes de horarios e problemas na cobertura de baixas. É un problema de deixadez e desleixo do goberno local nun tema tan sensíbel como a atención ás nosas crianzas”.
Betanzos, 20 de abril de 2023.- O BNG pediu o goberno local que contrate persoal para cubrir as baixas na escola infantil municipal. “Segundo a información que temos, a escola infantil está a traballar con menos persoal do requirido ao negarse o goberno a cubrir as baixas das traballadoras. A día de hoxe están traballando 3 persoas para cubrir 3 grupos, incumprindo a lexislación en canto ao mínimo de traballadoras para atender nenos e nenas de infantil”, explicou a candidata á alcaldía e portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
Desde o BNG indican que a situación se agravou nos últimos días, en que se incumpriu o mínimo legal estabelecido (4 persoas para atender 3 grupos), mais a gardería está a funcionar con escaso persoal desde hai meses, ao haber unha profesional de excedencia e dúas baixas prolongadas que non se están a cubrir.
“Esta non é a primeira vez que desde o BNG denunciamos situacións deste tipo na escola infantil municipal. Segundo as propias traballadoras, o goberno non cubre as baixas porque non hai lista de contratación e polo tanto non hai a quen chamar para cubrilas, mais hai 5 anos que se produce esta situación e o goberno non iniciou o proceso para elaborar esta lista de contratación”, explicou a candidata do BNG.
“A falta de persoal na escola infantil é moi grave polos incumprimentos legais e os problemas que provoca tanto ao alumnado e ás familias como ás propias traballadoras. Os problemas de falta de persoal lévanse repetindo desde o ano 2011, con recortes de horarios e problemas na cobertura de baixas. É un problema de deixadez e desleixo do goberno local nun tema tan sensíbel como a atención ás nosas crianzas”, engadiu Sánchez.
Desde o BNG anunciaron que trasladarán este tema ao Pleno o vindeiro martes, esixindo ao goberno local que poña fin a esta situación e contrate urxentemente persoal para a escola infantil municipal.