O BNG esixe un informe sobre a legalidade da privatización da escola infantil
O goberno do PSOE debería aclarar que medidas concretas tomou para cumprir co acordo plenario que O BNG promoveu contra a privatización da escola infantil.
Betanzos, 10 de febreiro de 2012. O BNG esixiu ao goberno local do PSOE que pida un informe xurídico aos técnicos municipais para examinar se é legal que o Consorcio privatice unha escola infantil levantada en solo municipal con cartos de Xunta e Concello. Segundo os nacionalistas, o convenio subscrito entre Xunta e Concello para ergue ro centro establece que será o Consorcio quen xestionará a escola infantil.
Segundo explicou a concelleira de Servizos Sociais no pleno celebrado o pasado martes, Concello e Consorcio terían que subscribir outro convenio para regular a xestión da escola infantil, que a Xunta decidiu unilateralmente privatizar. O goberno local do PSOE debería manifestar se hai novidades nun tema crucial coma este, indica o voceiro dos nacionalistas, Henrique del Río.
O goberno local ten que informar aos veciños sobre a permanencia de Betanzos no Consorcio, entenden os nacionalistas logo de que o PSOE anunciase que os seus alcaldes retirarían aos concellos que gobernan do consorcio. É máis, o goberno do PSOE debería aclarar que medidas concretas tomou para cumprir co acordo plenario que O BNG promoveu contra a privatización da escola infantil, apunta o edil nacionalista.
Diante desta falta de información, o BNG ten convocado para o vindeiro día 16 un acto público sobre o proceso de privatización da escola infantil. No mesmo, que terá lugar no Salón Azul do Liceo a partir das 20:30h, intervirán o portavoz municipal, Henrique del Río, e o portavoz de Benestar do BNG no Parlamento de Galiza, Manuel Parga.