O BNG esixe a Faraldo a entrega inmediata dun informe sobre as contratacións de persoal

Os nacionalistas cuestionan a “actitude totalitaria” da alcaldesa por esconder unha documentación que tiña que entregarlles en cinco días, segundo a Lei. O BNG cre que hai irregularidades na contratación de persoal feita polos gobernos de María Faraldo e que por iso a alcaldesa esconde o informe.

O BNG esixe a Faraldo a entrega inmediata dun informe sobre as contratacións de persoal

Os nacionalistas cuestionan a “actitude totalitaria” da alcaldesa por esconder unha documentación que tiña que entregarlles en cinco días, segundo a Lei. O BNG cre que hai irregularidades na contratación de persoal feita polos gobernos de María Faraldo e que por iso a alcaldesa esconde o informe.

Betanzos, 27 de xaneiro de 2011. O BNG esixe ao goberno de María Faraldo a entrega inmediata dun informe que recolla todo o persoal contratado polo goberno local á marxe da relación de postos de traballo e que se atopa prestando servizos ao Concello de Betanzos, tal e como acordou o Pleno o pasado mes de novembro. Naquel Pleno, o Portavoz Municipal do BNG, Henrique del Río, acusou á alcaldesa de mentir reiteradamente en resposta a unha pregunta do BNG que esixía saber cantas persoas traballaban para o Concello á marxe da relación de postos de traballo e que tarefas desenvolvían. En todo momento, os gobernos de María Faraldo, tanto o monocolor do PP coma o de coalición con CxB, afirmaron que non había ninguén nesta situación.

Se estivese todo en orde non habería motivo ningún para ocultar un informe sobre as contratacións de persoal

 

O Pleno do pasado martes esixiu novamente esta documentación ao goberno local. O voceiro nacionalista recriminou a Faraldo que furtase esta documentación á oposición, dado que “non esconde o informe ao BNG, senón aos veciños”, lembrando a Faraldo e aos seus aliados que “antes falaban moito de claridade e transparencia”. “Vostede é censurable por esta actitude” afirmou Henrique del Río antes de esixir a entrega inmediata deste informe sobre o persoal contratado polos gobernos de María Faraldo dado que a Lei esixe que sexa entregada aos concelleiros nun prazo de cinco días e “por fortuna para nós e por desgraza para vostede, a señora Faraldo non é ninguén para restrinxirnos os dereitos que a Lei nos dá”.

O BNG entende que a ocultación deste informe por máis de dous meses ten unha intencionalidade clara do goberno de María Faraldo para esconder a realidade laboral do Concello de Betanzos. “Se estivese todo en orde non habería motivo ningún para ocultar un informe así” razona Henrique del Río antes de anticipar que, obviamente, o BNG cre que hai irregularidades na contratación de persoal feita polos sucesivos gobernos de María Faraldo. O BNG reclama así o cese desta “actitude totalitaria” da alcaldesa e a “entrega inmediata” do informe sobre o persoal contratado polos gobernos de PP e PP e CxB para “poder coñecer realmente a situación en que Faraldo deixa o Concello”. Os nacionalistas temen consecuencias negativas para o Concello a causa da irresponsabilidade da coalición conservadora.

O BNG esixe a Faraldo a entrega inmediata dun informe sobre as contratacións de persoal