O BNG esixe a Faraldo que aclare que “muíño” ten o Concello
Diante das dúbidas dos nacionalistas sobre a titularidade dos muíños a restaurar en Caraña, o goberno local vén de asegurar que só se restaurará un de “titularidade pública”.
Betanzos, 20 de novembro de 2009. Ante a resposta do goberno local asegurando que o obradoiro de emprego do río dos Pelamios só ten por obxecto a restauración dun muíño de “titularidade pública”, o voceiro do BNG no Concello, Xabier López, exixe á alcaldesa que aclare con exactitude de qué muíño está a falar. “Non nos consta, e cremos non equivocarnos con isto”, sosteñen os nacionalistas “que o Concello sexa titular de ningún muíño, nin nos Pelamios, nin en Caraña, nin en ningún outro lugar”.
A contestación do goberno PP-CXB, para o grupo municipal do BNG, non fai máis que confirmar o que xa veñen denunciando dende hai tempo: “o goberno local improvisa, comeza a casa polo tellado”. Os nacionalistas insisten en que desde o goberno local primeiro falan de varios muíños, e que “cando se lles advirte de que estes son de titularidade privada e se lles pregunta as previsións de orde xurídico que vai supoñer a restauración, van e replican que só se traballará nun de titularidade pública”. O despropósito podería ficar en anécdota se non fose que o obradoiro de emprego xa estaría concedido de ser certo o anuncio feito polo goberno local, e que estariamos a falar duns fondos públicos que, polo que parece, aínda non se sabe moi ben a qué se van a aplicar.
Para o BNG “a situación raia o esperpento”, polo que exixen a María Faraldo e ao seu goberno que digan con claridade a qué muíño se refire, se fala en presente ou de futuribles, e se isto é así, cómo, cando e de qué maneira entrou o vai a formar parte do patrimonio municipal un elemento destas características. Como xa advertiron en comunicacións anteriores, os nacionalistas insisten en que “trapalladas” como estas poden acabar fanando un proxecto en principio ben interesante dende o punto de vista etnolóxico e patrimonial (ideado polo BNG cando tivo responsabilidades de goberno e que o PP asumiu coma propio ante a carencia de proxectos e iniciativas propias).