O BNG denuncia que os recortes do PP se ceban nos autónomos
O PP está facendo todo o contrario ao que hai que facer para saír da crise.O comercio e a hostalaría son sectores estratéxicos para Betanzos e tanto o alcalde como Feijóo teñen a obriga de defendelo.O BNG anuncia unha campaña informativa entre os comerciantes.
Betanzos, 18 de xullo de 2012. O BNG criticou as medidas do goberno central en contra do pequeno comercio. No transcurso da asemblea aberta celebrada na praza Uxío Novoneyra o voceiro do BNG, Henrique del Río, lamentou que Rajoy vaia a polos comerciantes liberalizando os horarios á medida das grandes superficies comerciais. A liberalización do horario comercial e do período de rebaixas van ter efectos moi prexudiciais no pequeno e mediano comercio, prognosticou.
Segundo os nacionalistas, as políticas do PP van tamén a polos autónomos, que son a maioría das pequenas empresas de Galiza, subíndolles até 6 puntos o IRPF. Para o voceiro do BNG no Concello, con estas decisións o PP está cortando un traxe a medida das grandes superficies comerciais e contra as PEMES, que xeneran a maior parte dos empregos.
O BNG anuncia unha campaña informativa entre os comerciantes
Ademais, Del Río criticou a brutal suba do IVE, que é moito máis dura do que anunciou tanto Rajoy na súa comparecencia no Congreso como do que anunciou o Consello de Ministros. E é que moitos artigos e servizos pasan de soportar un tipo do 8 por cento a un tipo do 21, un salvaxe incremento de 13 puntos que terá consecuencias demoledoras para os autónomos, os pequenos e medianos comerciantes e a pequena e mediana empresa, que son os que crean emprego, segundo o voceiro nacionalista.
O voceiro nacionalista sinalou que o comercio e a hostalaría veranse prexudicados pola perda de poder adquisitivo derivada dos recortes de salario que sofren os empregados públicos e pola redución das prestacións de desemprego e o recurte nas pensións. O PP está facendo todo o contrario ao que hai que facer para saír da crise, denuncian desde o BNG.
Campaña sobre os recortes no comercio
Por este motivo, ademais de exixir ao goberno local do PSOE medidas decididas de apoio ao comercio- como a posta en valor das rúas comerciais e o seu amoblamento- desde o BNG reclaman que a Xunta exerza as súas competencias en comercio para evitar o mazazo de Rajoy. O comercio e a hostalaría son sectores estratéxicos para Betanzos e tanto o alcalde como Feijóo teñen a obriga de defendelo asegurou o voceiro nacionalista. Claro que Feijóo preferiu agocharse no Brasil, ironizou, antes de anunciar que o BNG emprenderá nos vindeiros días unha campaña para informar a todos os comerciantes sobre o impacto dos recortes do PP para as PEMES.
A suba do IVE complica a vida ás maiorías sociais
A suba do IVE supoñerá, ademais, a suba dos prezos no transporte público, nas peaxes ou no combustíbel, complicando aínda máis a vida ás maiorías sociais. Fronte a isto, os nacionalistas apostaron por que se deseñe un modelo de transporte colectivo a nivel metropolitano, moito máis barato, sustentábel e que vertebre a comarca coa combinación de transportes alternativos.