O BNG denuncia que o PSOE minte para subir os prezos da escola infantil de San Francisco

O BNG denuncia que o PSOE minte para subir os prezos da escola infantil de San Francisco

O goberno de Ramón García quere subir 50 euros a asistencia a clase na escola infantil municipal

“O PSOE en Sada dixo que a suba de taxas nas escolas infantís da Xunta non era de aplicación ás escolas municipais, pero en Betanzos sostén o contrario para enganar á veciñanza e evadir a súa responsabilidade diante dunha suba desproporcionada”.

Betanzos, 4 de xullo de 2012. O BNG reclamou ao PSOE coherencia entre o que predica e o que fai alí onde goberna. O voceiro municipal do BNG, Henrique del Río, reprochou que en Betanzos o goberno do PSOE pretende subir as taxas da escola infantil municipal mentres en municipios da contorna onde está na oposición critica subas análogas.

“Non é de recibo que mentres o PSOE na Coruña acusa ao PP de recortes sociais e de afogar a economía das familias por subir as taxas das escolas infantís municipais, en Betanzos pretendan impoñer unha subida aínda maior”, advirte. Ademais, Del Río censura que “o PSOE en Sada dixo que a suba de taxas nas escolas infantís da Xunta non era de aplicación ás escolas municipais, pero en Betanzos sostén o contrario para enganar á veciñanza e evadir a súa responsabilidade diante dunha suba desproporcionada”.

Por este motivo, o BNG exixirá que o goberno local que aclare “se o PSOE mentiu noutras localidades ou se minte en Betanzos para levar adiante a súa subida de prezos na escola infantil municipal”, logo de que o goberno local propuxera ao Pleno subir os prezos na escola de San Francisco. O goberno local do PSOE afirmou que o decreto de suba de taxas nas escolas infantís da Xunta obriga a esa subida nas escolas infantís de titularidade municipal, cousa que o propio PSOE nega noutros concellos.

“Nin o PSOE nin o PP se preocupan polos problemas reais da veciñanza e só se dedican a encerellarse entre eles”, advirten os nacionalistas, que acusan a ambos grupos de dicir unha cousa ou a contraria segundo estean no goberno ou na oposición. Proba disto, a dicir do BNG, é que “o PP na Xunta pregoa ‘austerizar’ na contratación de empregados públicos, mentres que agora no Concello de Betanzos demanda que se cubran as baixas do persoal”. “O mesmo PP que alí onde goberna abusa dos contratos negociados- aqueles nos que se convida a un número de empresas a facer unha oferta sen concurso público á que todas poidan concorrer- critica no Concello de Betanzos que o PSOE faga o mesmo”, advirten os nacionalistas.

O BNG está a desenvolver unha campaña informativa para trasladar aos afectados a suba dos prezos que pretende levar adiante o goberno do PSOE na escola infantil municipal, ubicada nas escolas de San Francisco.

O BNG denuncia que o PSOE minte para subir os prezos da escola infantil de San Francisco