O BNG cuestiona o desinterese de PSOE e PP por dinamizar o turismo
Nin o PSOE nin o PP tiveron nunca interese real en facer do noso patrimonio un activo económico para o crecemento da nosa cidade.
Betanzos, 17 de outubro de 2012. O BNG acusou á Xunta de intentar enganar á xente coa colocación da sinalización do albergue de peregrinos. Logo de castigar catro anos a Betanzos sen esta infraestrutura, o PP coloca na campaña os indicadores do albergue para aparentar que fixeron algo, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Por sectarismo o PP paralizou as obras en canto chegou á Xunta e o resultado é que castigaron a Betanzos sen o albergue, resume o edil do BNG e candidato ao Parlamento de Galiza. Ademais, o PP desde o goberno local enganou varias veces á xente fixando datas para a apertura que nunca se cumpriron, lembra o voceiro nacionalista. María Faraldo e Núñez Feijóo son en última instancia os responsábeis de que o albergue non abrira aínda as súas portas, asegurou. Os nacionalistas aseguran que esta actuación do PP provocou, ademais, malestar nos potenciais usuarios do albergue, que o atopan pechado.
Ás portas da campaña a Xunta do PP puxo indicadores do albergue para enganar á xente, aparentando que estaba acabado, cuestiona o voceiro do BNG. Porque logo dun ano coa obra finalizada sería escandaloso inaugurala, ironizou. Esta é a maneira normal de actuar do PP promesas en campaña electoral que despois nunca se chegan a cumprir. Todos recordamos a rehabilitación do Casco Histórico que prometeron na campaña electoral das municipais e as casas que mercou a Xunta e que agora están igual que cando as adquiriron porque só orzamentaron 3000 euros para todas as rehabilitacións.
Na situación de terríbel crise económica na que estamos vivindo, e cos datos de desemprego de Betanzos, no BNG o que percibimos e que non hai ningún tipo de preocupación nin no goberno local do PSOE nin no goberno da Xunta do PP por dinamizar un sector que debera ser o maior activo económico da nosa cidade como é o sector turístico, explicou Henrique del Río, voceiro do BNG. O PSOE ten totalmente abandonado este sector, tanto desde o punto de vista da dinamización como na conservación, engadiu, e neste sentido todos vemos o estado lamentábel que presenta o parque do Pasatempo.
Nin o PSOE nin o PP tiveron nunca interese real en facer do noso patrimonio un activo económico para o crecemento da nosa cidade, concluiu Del Río.