O BNG demanda transparencia e participación veciñal na elaboración dos orzamentos
A semana que ven o goberno do PSOE presenta o orzamento aos empregados municipais, paso previo a levalo a Pleno, mais non vemos con bos ollos esta forma de funcionar, de costas á veciñanza, sen buscar acordos con outros grupos e negociando en reunións de despacho con non se sabe que grupos nin en que termos. Pedimos luz e taquigrafos cando se fala de cartos públicos
As contas prevén 124 500 euros en axudas a dedo e só reservan unha partida de 25 000 euros para unha convocatoria pública de subvencións.
Betanzos, 9 de abril de 2016. O BNG reclamou de novo transparencia e participación da veciñanza na elaboración e aprobación dos orzamentos municipais. Xa no mes de xaneiro, cando o goberno anunciou que enviara aos medios de comunicación unha proposta de orzamentos, pedimos que se elaboraran contando coa participación da veciñanza porque se trata de cartos dos veciños e veciñas, explicou o portavoz nacionalista Henrique del Río.
Desde o mes de febreiro, e estamos en abril, levamos pedindo que nos entreguen o orzamento completo para poder estudalo e aínda non temos unha proposta completa xa que non nos deron nin orzamento de ingresos nin bases de execución, engadiu o voceiro nacionalista.
Ademais, o portavoz do BNG informou de que lle pediu unha xuntanza ao concelleiro responsábel de facenda para trasladarlle a postura do grupo nacionalista e intentar acadar un acordo tanto na forma de elaborar os orzamentos como no contido sen que a día de hoxe lles puxera aínda data para recibilos.
124 500 euros en axudas a dedo fronte a 25 000 nunha orde á que todas as entidades se poidan presentar, forma de controlar o asociacionismo
Sabemos que teñen convocada para a semana que ven a mesa de negociación cos representantes dos traballadores según fixo público a CIG no seu blog, engadiu o edil nacionalista. Se a semana que ven se vai celebrar a mesa de negociación cos traballadores entendemos que van levar o orzamento a Pleno, xa que é un paso previo á aprobación plenaria relata. Desde o BNG non vemos con bos ollos esta forma de funcionar, de costas á veciñanza, sen buscar acordos con outros grupos e negociando en reunións de despacho con non se sabe que grupos nin en que termos, criticou Del Río, pedimos luz e taquigrafos cando se fala de cartos públicos.
Subvencións a dedo
O portavoz do BNG explicou que un ano máis o goberno local do PSOE incrementa a cantidade de cartos de todas que adxudica a dedo mediante subvencións nominativas sen un criterio obxectivo. Este é un dos nosos cabalos de batalla dos últimos orzamentos e efectivamente non vemos con bos ollos que se siga incrementando a cantidade de cartos públicos que se adxudican a dedo, indicou Del Río. É unha forma de gobernar clientelar que o que pretende e controlar os movementos sociais e asociacións a traves do financiamento lamenta.
As nacionalistas explican que sumando as distintas partidas de axudas nominativas espalladas no borrador de orzamento de gastos que lles achegou o PSOE, as subvencións a dedo teñen reservados 124 500 euros. Pola contra, a partida para unha convocatoria pública de axudas é de tan só 25 000 euros, explica Del Río. E recibirá a subvención se ao PSOE lle leva idea convocar a orde, que o pasado 2015 non o fixo e castigou sen cartos públicos ás entidades non agraciadas co dedazo, puntualiza. Conclusión, se unha entidade quere cartos públicos ten que ir facerlle o bicamáns ao alcalde porque o resto non está garantido, conclúe.