O BNG cuestiona que o PSOE promova un plan de igualdade mentres mantén a raíña das festas
Os nacionalistas reclaman que o plan teña reflexo orzamentario e un cronograma de execución e que non sexa só un titular de cara ao 8 de marzo, dia internacional da muller.
Betanzos, 29 de febreiro de 2012. O BNG denunciou onte no pleno a contradición do PSOE ao promover un plan de igualdade que busca nos seus obxectivos combater valores sexistas mentres o propio goberno local promove actos que espallan este tipo de valores. Entendemos que con este plan están a suprimir a figura da raíña das festas e que van destinar os case 20 000 euros que lle custa ao Concello a financiar a aplicación do plan de igualdade, ironizou o concelleiro do BNG Xosé Vales.
Os nacionalistas insisten en que non se pode dicir que se combaten os valores sexistas e á vez defender a raíña das festas, polo que convidan ao PSOE a aclarar se en aplicación do Plan de Igualdade aprobado onte van a suprimir esta figura machista e clasista.
O BNG entende que o Plan nace cunha eiva importante de participación. Se o obxectivo é que a sociedade asuma a igualdade, o plan tiña que ser participativo desde a súa elaboración, aseguran os nacionalistas. Neste sentido, reclamaron no pleno unha comisión formada por sindicatos, grupos políticos, asociacións e colectivos para seguir a súa aplicación.
O BNG tamén pediu incluír entre as medidas concretas do Plan a organización de cursos de galego para mulleres inmigrantes. A proposta do PSOE prevé organizar cursos de español pero esquece deliberadamente o idioma propio de Galiza, que aínda é de uso maioritario en Betanzos, denuncia o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
Segundo os nacionalistas, o debate plenario evidenciou que o plan foi feito ás presas para aprobar de forma oportunista de cara o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. Neste sentido os nacionalistas reclaramaron tamén un cronograma para a súa execución e por suposto agardan que este plan teña reflexo no futuro orzamento do Concello. Sería unha pena que a única intención do goberno do PSOE fora ter un titular para esa data e esquecer a aplicación do plan e avanzar na igualdade o resto do ano, apuntou o concelleiro nacionalista Xosé Vales.