O BNG reclama ao goberno local do PSOE medidas para combater o crecente desemprego
Os nacionalistas acusaron ao goberno local de afondar na destrución de postos de traballo públicos, privatizar servizos, pechar o centro de formación e estragar cartos nas festas.
Betanzos, 5 de setembro de 2012. O BNG exixiu ao goberno local do PSOE un cambio de actitude para promover o emprego. Segundo o voceiro nacionalista, Henrique del Río, a sangría do paro afecta xa a 1200 veciños e veciñas, con nomes e apelidos, mentres o alcalde e o seu goberno miran para outro lado.
O voceiro do BNG indicou que en agosto de 2011 había 1021 persoas desempregadas en Betanzos, así que hai un incremento do 17,5% en un ano. Betanzos é concello da comarca que máis destruíu emprego entre xullo e agosto de 2012, advirten desde o BNG. E que fixo o goberno local? Afondar na destrución de postos de traballo públicos, privatizar servizos, pechar o centro de formación e estragar cartos nas festas, afirma. A deixadez do goberno do PSOE e a súa falta de medidas concretas fronte ao peor problema que padecen os betanceiros e betanceiras supón un agravamento maior da sangría do paro, salienta.
O PSOE renunciou a que os orzamentos fosen unha ferramenta para loitar contra o paro
Os datos do paro de agosto veñen confirmar a ineficacia do goberno do PSOE para reactivar a economía local. Nos orzamentos o PSOE esqueceu as políticas activas de emprego, a formación para os desempregados e o impulso efectivo ao pequeno comercio e os resultados desta política están ben á vista, indican desde o BNG.
Del Río refírese á renuncia do goberno local a apostar pola promoción do emprego, de forma que o PSOE renunciou a que os orzamentos fosen un instrumento para combater o desemprego.
O PSOE no Concello destrúe postos de traballo públicos, privatiza servizos, pecha o centro de formación e estraga cartos nas festas
Para defender o despropósito, o alcalde do PSOE chegou a afirmar que o gasto en festas era un investimento que dinamizaba a economía local, lamenta o voceiro do BNG, que recorda que nós defendemos fronte a esa idea limitada de mover a economía un día levar adiante investimentos estratéxicos que dinamizasen todo o ano a economía.
Del Río sinala que é unha irresponsabilidade que o goberno do PSOE siga de brazos cruzados nesta situación e nin sequera nomea no seu discurso a palabra desemprego. A promoción dos postos de traballo debe ser a prioridade deste goberno municipal, salienta.
Un inicio de curso complicado pola suba do IVE
O voceiro nacionalista referiuse tamén á suba do IVE, que xunto ao incremento do paro, farán máis difícil o curso para un importante número de familias betanceiras. A falta de previsión do goberno do PSOE fai que haxa a mesma cantidade para bolsas de material escolar que antes da suba do IVE, denuncia, lembrando que estes cartos xa cubrían moi xustos a demanda e o PSOE en lugar de incrementalos, manipulou as cifras para vender un aumento que non existe.