O BNG critica a irresponsabilidade do PP por non asumir as consecuencias do seu paso polo goberno
É a historia do mundo ao revés: o PSOE repite os feitos que lle criticaba ao PP e o PP critica ao PSOE e non asume as consecuencias do que fixo.
Betanzos, 12 de xullo de 2013. O BNG lamentou a irresponsabilidade do PP, que non asume as consecuencias do que fixo no goberno de Betanzos. Os nacionalistas criticaron que os conservadores votasen en contra de facturas ocasionadas por obras e servizos encargados polo PP na súa etapa de goberno e que foron conformadas polos concelleiros do PP Pablo Tomé, Andrés Porcas e María Faraldo.
O voceiro do BNG, Henrique del Río, denunciou onte no Pleno que PSOE e PP contrataron a dedo, sen ningún procedemento, a quen lles petou. Entre as facturas de servizos contratados polo goberno do PP figuran servizos prestados por interventores do PP nas mesas electorais e pola empresa na que traballaba o concelleiro do PP José Ángel Rodríguez Prieto. Mais agora o PP negase a asumir as consecuencias dos seus feitos. É un escándalo que voten en contra de pagar facturas por gastos que eles mesmos contrataron no goberno, denuncian os nacionalistas.
Segundo o BNG, na votación de onte o edil popular José Ángel Rodríguez Prieto debera terse abstido, xa que se votaban facturas da empresa na que traballaba e a lei é moi clara neste punto. Con que obxectividade vas a votar a favor ou en contra se tes unha relación laboral coa empresa?, cuestionan desde o BNG. O PP fártase de dar leccións de ética e á primeira de cambio queda ao descuberto a súa hipocrisía, indican desde o BNG.
O voceiro dos nacionalistas, Henrique del Río, insistiu en lamentar que o PSOE hai dous anos quería levar ao PP á Fiscalía por este tipo de contratacións e onte quería asumilas. De feito foi quen votou a favor, recordou.
É a historia do mundo ao revés: o PSOE repite os feitos que lle criticaba ao PP e o PP critica ao PSOE e non asume as consecuencias do que fixo, ironizou. Como vai a xente confiar en semellante circo?, pregúntase.
O resultado da irresponsabilidade con que PSOE e PP gastan os fondos públicos asumímolo todos os veciños e veciñas, asegurou Del Río. Porque as costas xudiciais e os xuros que van ser a consecuencia destas actuacións non as van pagar as persoas responsábeis, vanse pagar con cartos de toda a veciñanza, lamentou.
O BNG reclama que a Feira Franca represente a historia real da cidade
Betanzos, capital do Reino de Galiza. Con este lema nun estandarte pendurado da súa sede o BNG trasladou á rúa a súa reivindicación de que a Feira Franca que hoxe comeza sexa fiel ao pasado da cidade. Unha festa de recreación histórica ten que poñer en valor o que aconteceu, non inventar o que algúns quixeran que fose o pasado do noso país, aseguran desde o BNG. Os nacionalistas reclamaron na comisión de festas que se lle dese relevo á literatura medieval e á revolta irmandiña na festa, entre outras propostas que tanto PSOE como PP non atenderon nunca nos 16 anos que xa ten o evento.