O BNG considera insuficiente o servizo de transporte adaptado que pretende contratar o goberno local
“Con este deseño non se podería ir pasar consulta a un hospital ou facer xestións fóra de Betanzos”. “PP e PSOE evaden as súas responsabilidades no Casco Histórico”.
“Con este deseño non se podería ir pasar consulta a un hospital ou facer xestións fóra de Betanzos”. “PP e PSOE evaden as súas responsabilidades no Casco Histórico”.
Betanzos, 7 de decembro de 2011. O BNG considera insuficiente o servizo de transporte adaptado que pretende contratar o goberno municipal de Betanzos. Os nacionalistas consideran insuficientes as bases do contrato, que o goberno local adxudicará nos próximos días. Segundo os nacionalistas, o transporte adaptado ten que servir “para dar un acceso normal aos servizos e recursos sociais ás persoas con dependencia ou discapacidade, ademais de facilitar a autonomía destas persoas”.
Neste sentido, desde o BNG aseguran que o servizo que pretende contratar o goberno do PSOE incumpre estas premisas ao limitar o número de viaxes. “Semella un número insuficiente, sobre todo nas fins de semana”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas entenden que o percorrido exclusivamente dentro do termo municipal impide a autonomía dos usuarios. “Con este deseño non se podería ir pasar consulta a un hospital ou facer xestións fóra de Betanzos”, indica o edil nacionalista. Desde o BNG aseguran que o deseño feito polo PSOE limita o transporte a acudir ao centro de saúde. Os nacionalistas entenden necesario “ampliar o servizo para outro tipo de actividades da vida diaria como asistencia a xulgados, notarías, xestións de carácter legal ou administrativo ou actividades relacionadas co coidado persoal, terapéutico, rehabilitador ou estético” ou para asistir a “actividades de tipo cultural, educativo ou formativo”.
Crítica ao contrato negociado sen publicidade
Henrique del Río referiuse tamén á forma de contratar o servizo por parte do goberno de Ramón García. “Os concursos abertos son garantía de transparencia, de maior concorrencia e de máis melloras para o servizo proposto” indicou.
“PP e PSOE evaden as súas responsabilidades no Casco Histórico”
O BNG esixiu coñecer o contido do convenio asinado entre o Concello e a Xunta par determinar as responsabilidades de ambas administracións no derrube dunha casa da Xunta na rúa da Cerca. Os nacionalistas queren coñecer en que consiste exactamente o convenio porque “PP e PSOE evaden as súas responsabilidades no Casco Histórico”, segundo denunciou o voiceiro nacionalista.
“Está claro que o PP ten que admitir a emenda do BNG e destinar 250 000 euros a empezar o amaño desas casas”, indicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río. Segundo o edil do BNG, na votación das emendas aos orzamentos da Xunta “estará a foto das intencións reais do PP: se votan en contra será que todo era fume electoralista”.