Propoñemos crear bolsas de estudos e transporte diante do curso escolar máis caro

As institucións públicas, desde as máis próximas á veciñanza até os máis altos organismos, deben estar á altura e apostar polo ensino, porque cada céntimo que se inviste na educación é unha aposta por un futuro mellor para a nosa mocidade e para a totalidade da nosa sociedade.

Propoñemos crear bolsas de estudos e transporte diante do curso escolar máis caro

Chega setembro e chega de novo a rutina. Unha rutina que para as familias que teñen fillos e fillas en calquera etapa educativa é sinónimo de desembolso económico, e este curso 2023-24 máis ca nunca.

As crises económicas que vimos encadeando levaron consigo un encarecemento dos bens de consumo e o material escolar, os libros e o transporte non son alleos a esta realidade. O curso actual vai ser, ou así se está a anunciar, o máis caro da historia.

No BNG defendemos unha educación pública, universal e gratuíta, cremos que é a gran ferramenta para remover as desigualdades sociais e, por tanto, consideramos que as institucións deben facer un esforzo apoiando as familias nesta crise inflacionista.

Estes días a nosa portavoz nacional, Ana Pontón, mantivo unha xuntanza con familias de toda Galiza en que propuxo axudar as familias na volta ao colexio cunha tarxeta escolar de ata 500€, así como recuperar a gratuidade dos libros de texto que fora eliminada polo primeiro goberno de Feixoo.

Na mesma liña, o BNG levamos ao pleno de Betanzos a necesidade de tomar medidas extraordinarias para colaborar coas familias na volta á escola. Solicitamos a creación de bolsas de axuda para a adquisición de material escolar, que se fan especialmente necesarias nas etapas de ensino non-obrigatorio (infantil, ciclos profesionais ou universidade). Estas bolsas, que existían hai anos no noso concello, foron eliminadas polo goberno local do PSOE a pesar da súa alta demanda e a pesar de seren totalmente necesarias para esas familias, que non contan con outras bolsas ou axudas similares doutras institucións.

Así mesmo, pedimos a creación bolsas nas escolas artísticas vinculadas ao concello, neste caso o conservatorio e a escola de folclore, coa finalidade de facer accesíbel a formación artística a toda a veciñanza.

Ademais, solicitamos unha vez máis que se negocie coas compañías de transporte colectivo o estabelecemento de axudas e liñas de transporte específicas que leven o estudantado betanceiro aos campus e aos centros de formación profesional da nosa proximidade. Entendemos que o transporte público é especialmente necesario se temos en conta a escaseza de pisos de alugueiro a disposición do estudantado nas cidades galegas e a carestía da vida. Non pode ser que o goberno local faga para ir á praia o que non fai pola educación.

As institucións públicas, desde as máis próximas á veciñanza até os máis altos organismos, deben estar á altura e apostar polo ensino, porque cada céntimo que se inviste na educación é unha aposta por un futuro mellor para a nosa mocidade e para a totalidade da nosa sociedade.

Propoñemos crear bolsas de estudos e transporte diante do curso escolar máis caro