O BNG censura que o PSOE favorecese a aprobación da ordenanza de limpeza do PP
A ordenanza aprobada grazas ao PSOE multará aos veciños por tirar lixo fóra dos colectores, aínda que estes non sexan suficientes. “O PSOE prefire rirlle os chistes á dereita en lugar de gobernar para as maiorías sociais”
A ordenanza aprobada grazas ao PSOE multará aos veciños por tirar lixo fóra dos colectores, aínda que estes non sexan suficientes. “O PSOE prefire rirlle os chistes á dereita en lugar de gobernar para as maiorías sociais”
Betanzos, 28 de decembro de 2011. O BNG recriminou ao goberno do PSOE “non ter interese real en aprobar unha nova ordenanza de limpeza” que substitúa á aprobada por PP e CxB. Os nacionalistas posicionáronse contra esta norma porque traslada a responsabilidade de limpar a vía pública aos comerciantes. Desde o BNG entenden que esta obriga é só admisíbel no caso de que a sucidade derive da actividade comercial e advirten que a norma pode ser “nula de pleno dereito” porque con ela “o Concello fai deixación das competencias que a Lei lle encomenda”.
No transcurso do debate, o voceiro nacionalista, Henrique del Río, tamén cuestionou a “hipocrisía da dereita” dado que “PP e CxB non se perden ningún evento benéfico nestas datas mentres no pleno xuntan os seus votos para multar con 100 euros a quen busque sustento entre o lixo”. Os nacionalistas xa cualificaron de “inhumana” esta norma e só a entenden admisíbel no caso de intención de lucro ou actos vandálicos.
“O PSOE puido ter aproveitado a ausencia de CxB nos plenos anteriores para aprobar un novo texto” censura o portavoz municipal do BNG. Para Henrique del Río o “goberno do PSOE fixo unha pirueta patética no pleno para poñerlle unha vela a deus e outra ao demo”. Os nacionalistas lamentan que “o PSOE prefira rirlle os chistes á dereita en lugar de gobernar para as maiorías sociais”.
“Calquera pode recorrer esta ordenanza no contencioso”, advertiu no debate o voceiro nacionalista, que non descartou mesmo que o BNG poida facelo.
PSOE e PP comparten ausencia de proxecto para o Casco Histórico
O BNG celebra que o PP comece a preocuparse polo Casco Histórico. Os nacionalistas cuestionaron no Pleno a política de “deixar facer” de PSOE e PP con respecto ao tránsito rodado nas rúas peonís da zona histórica. O BNG reclamou a ambos “definición” no seu modelo para o Casco Histórico “porque non se pode actuar en base á improvisación permanente”.
Os nacionalistas amosáronse sorprendidos polo feito de que o PP solicite a redación dunha ordenanza moi intervencionista na xestión urbanística do Casco- cousa que comparten- mentres que se defende a ausencia de regulación do tránsito de vehículos a motor. “Cando menos é contraditorio”, sinalan.