O BNG Asembleas Abertas pide que se manteñan as traballadoras de limpeza do aulario
O goberno do PSOE prefire saltarse a lei para contratar luxos e caprichos como o patrón da embarcación mentres que para servizos que todos usamos a diario como a limpeza dos edificios ou rúas o PSOE despida persoal
Nós defendemos o emprego público e de calidade remarcou o nacionalista, e convocar prazas que non aparecen nin no orzamento nin na RPT é un vacile para quen estivo a traballar na negociación do convenio colectivo e a RPT
Betanzos, 19 de xuño de 2015. O BNG-Asembleas Abertas pediu explicacións ao goberno local do PSOE polo despedimento das limpadoras do aulario de educación infantil do CEIP Vales Villamarín. As traballadoras estaban contratadas de forma irregular e foron despedidas polo alcalde de forma improcedente, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, que recorda que aínda que o curso para os escolares rematou hoxe, o colexio continúa usándose e as instalacións continuarán usándose a diario.
Desde o BNG-Asembleas Abertas cuestionan que se despida a empregadas dun servizo público obrigatorio para o Concello como a limpeza mentres que se convoque un proceso selectivo para contratar un patrón para a embarcación municipal. Até onde sabemos, non hai praza de patrón na relación de postos de traballo (RPT), polo que non se pode contratar, explica Del Río. O edil do BNG-Asembleas Abertas advirte de que esta contratación, ademais, supón incrementar o gasto en persoal, algo que as leis do PSOE e o PP para rescatar á banca prohíben facer.
Os nacionalistas cuestionan que o goberno do PSOE prefira saltarse a lei para contratar luxos e caprichos como o patrón da embarcación mentres que para servizos que todos usamos a diario como a limpeza dos edificios ou rúas o PSOE despida persoal. Está claro que optan pola privatización do servizo de limpeza, pero para iso o PSOE tiña que ter sido honesto e dicilo ás claras en maio a ver se a xente apoiaba a privatización da limpeza, engade.
Desde o BNG-Asembleas Abertas advirten que o Concello tiña xa un operario que se encargaba da embarcación municipal, sen figurar como tal no seu contrato ou na RPT. Os mesmos funcionarios que nos seus informes negaban que o Concello tivese un operario ao temón da Diana Cazadora validaban os pagos extraordinarios a esta persoa por patronear a embarcación municipal, recorda Del Río.
O propio PSOE concedeu compatibilidade a este operario que patroneaba a Diana Cazadora de forma irregular cando pediu dedicarse fóra do horario laboral no Concello ao goberno de embarcacións de pasaxeiros. Advertimos que era unha prevaricación e unha tomadura de pelo dicir que o que toda a veciñanza viu durante anos non existía, mais en todo caso o PSOE terá que explicar que cambiou para que agora haxa que contratar un patrón a toda présa, engade.
Desde o BNG-Asembleas Abertas advirten, ademais, de que as bases para este proceso selectivo son moi malas e indeterminadas. A modo de exemplo, explican que se pide que os aspirantes acrediten coñecemento básico dalgún idioma. Dá o mesmo que falen suahili que galego, porque non se especifica cal ten que ser, ironiza Del Río, que asegura que resulta imposíbel de crer que vai haber un operario na embarcación municipal as 37,5 horas que as bases establecen cando o barco funciona só as fins de semana.
Temos dúbidas ademais de que o Concello poida contratar un patrón de cabotaxa da Mariña Mercante cando non ostenta a titularidade de ningunha concesión de navegación marítima de pasaxeiros, ate onde sabemos, engaden desde o BNG-Asembleas Abertas.
O PSOE terá que aclarar por que prima caprichos sobre servizos que se usan de xeito cotián e a quen pretende beneficiar con esta contratación, engade. En todo caso, é moi mala maneira de iniciar este mandato o comezar cun despedimento improcedente das limpadoras do aulario, sostén. No pasado mandato a veciñanza xa pagamos as sentenzas de varios despedimentos improcedentes do GRUMIR feitos tamén polo PSOE e parece que lonxe de aprender han crer que van convencer á Xustiza de que é o goberno do PSOE quen actúa ben, lamenta.
Nós defendemos o emprego público e de calidade remarcou o nacionalista. Convocar prazas que non aparecen nin no orzamento nin na RPT é un vacile para quen estivo a traballar na negociación do convenio colectivo e a RPT, advirte. Desde logo, era moito mellor para toda a veciñanza que o PSOE se puxera a sacar adiante a RPT que contempla o novo convenio colectivo en lugar de incendiar as negociacións con estas ocorrencias, concluíu.