O BNG-Asembleas Abertas pide que o Concello respalde ao sector lácteo
En Betanzos en 1998 había 231 vacas en 49 explotacións, que se reduciron a 15 explotacións con 149 vacas leiteiras no 2002. En 2012 quedaban só 81 vacas e este sector vai camiño de desaparecer no noso concello, o que ten un impacto directo noutro sector estratéxico para a economía de Betanzos como é o comercio, pois os concellos da comarca son os clientes tradicionais
Betanzos, 27 de agosto de 2015. O BNG-Asembleas Abertas demandará do Pleno do Concello de Betanzos unha declaración de apoio ao sector lácteo e se comprometa co dereito a producir dos e das gandeiras e coa garantía de prezos xustos en orixe. A tal fin, as nacionalistas piden que o Concello adopte posicións e demandas públicas contundentes na consecución destes obxectivos, situándose do lado do sector produtor asumindo as súas demandas nesta crítica situación.
En Betanzos en 1998 había 231 vacas en 49 explotacións, que se reduciron a 15 explotacións con 149 vacas leiteiras no 2002, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. En 2012 a cifra reduciuse a tan só 81 vacas e este sector vai camiño de desaparecer no noso concello, advirten. Esta desaparición do sector leiteiro ten un impacto directo noutro sector estratéxico para a economía de Betanzos como é o comercio, pois os concellos da comarca son os clientes tradicionais asegura o edil nacionalista.
A ausencia de adopción de medidas e de decisións políticas por parte do Goberno Galego e do Estado para preparar ao sector para poder competir neste novo escenario de liberalización total logo das cotas lácteas está provocando consecuencias desastrosas advirten desde o BNG-Asembleas Abertas. Levamos varios meses de caídas continuadas dos prezos en orixe que obrigan ás explotacións a vender o seu produto por debaixo dos custes de produción e afrontando importantes perdas aseguran.
Por este motivo, ademais da declaración de respaldo, as nacionalistas propoñerán ao Pleno que demande á Xunta que garanta a percepción dun prezo do leite en orixe xusto e que cubra os gastos de produción. Neste sentido, propoñen que se estableza o prezo a percibir polos produtores e produtoras que, en ningún caso, poderá ser inferior ao de produción. Tamén reclaman ao goberno galego que estableza os mecanismos para garantir a recollida da produción.
Tanto algunha industria como algúns compradores deciden unilateralmente, sen previo aviso e incumprindo os contratos asinados, que deixan leite sen recoller nas explotacións aseguran desde o BNG-Asembleas Abertas. Isto provoca, obviamente, unha situación terríbel por tratarse dun produto perecedoiro que está obrigando, en moitos casos a tirar o leite, xa que existen mesmo dificultades para atopar quen llelo recolla case que regalado lamentan. Por este motivo, na moción tamén demandan que a Xunta vixile o cumprimento dos contratos entre productores e industrias.
Ademais, demandan que a Xunta realice unha campaña de inspección no ámbito das súas competencias, e instar ao Estado a que faga o propio no ámbito das súas, para perseguir e sancionar as prácticas dedumping nas grandes áreas de distribución evitando a banalización do leite e a súa utilización como elemento de reclamo mediante a súa venda a perdas.
O sector lácteo é a columna vertebral da economía rural e non podemos seguir agardando, vendo como se esfarela un sector punteiro e viábel, sen que se tomen decisións urxentes para atallar a situación advirte Del Río. Desde o BNG-Asembleas Abertas consideran, ademais, que, coa liberalización do sector, na práctica as industrias son as que estabelecen agora as novas cotas á produción, deixando totalmente desvalido o sector produtor. Mentres no resto do Estado español e da Unión Europea se está a incrementar a produción, en Galiza estanse estabelecendo mecanismos de restrición conclúen.