O BNG agradece a confianza dos betanceiros para que Galiza teña voz en Madrid
O BNG rexistra en Betanzos unha suba de 1,42 puntos con respecto ás eleccións de 2008.
O BNG rexistra en Betanzos unha suba de 1,42 puntos con respecto ás eleccións de 2008.
Betanzos, 21 de novembro de 2011. Os betanceiros e betanceiras decidiron outorgarlle ao BNG un respaldo que medra en 1,42 puntos porcentuais con respecto a 2008. Foron 880 os betanceiros e betanceiras que decidiron confiar no BNG, fronte aos 808 que o fixeran en 2008 (un 9,56%). O 10,98 % dos betanceiros e betanceiras apostaron por que Galiza teña voz propia no Congreso dos Deputados.
O portavoz municipal, Henrique del Río, amosou a súa satisfacción co resultado obtido, agradecendo o apoio dos “880 veciños e veciñas de Betanzos que contribuiron decisivamente a que Galiza siga tendo voz en Madrid” e afirmou que“a veciñanza de Betanzos pode estar segura de que o BNG non os defraudará, e os seus deputados no Congreso traballarán con máis forza e entusiasmo que nunca para defender os seus intereses”.
O voceiro nacionalista agradeceu tamén o “enorme traballo e o gran compromiso dos militantes e simpatizantes do BNG, que fixeron "unha campaña de dez”. "O resultado destas eleccións xerais en Betanzos supón a constatación de que o BNG goza dunha boa saúde no noso concello, e que está preparado para intensificar o traballo en defensa dos intereses da súa maioría social, máis ainda nunha etapa histórica que se presenta especialmente difícil e onde a defensa dos valores da xustiza social e da igualdade de oportunidades, que sempre encarnou o BNG, faise máis necesaria que nunca”.