O BNG advirte de irregularidades na retirada dunha terraza no Campo
Non queremos crer que o mesmo PSOE que criticou a malversación de fondos cando o PP permitiu explotar as terrazas sen concesión, mantivo até agora a mesma situación irregular.
Betanzos, 2 de abril de 2013. O BNG reclamou no Pleno explicacións diante da retirada dunha terraza dos Soportais do Campo. Segundo lembraron os nacionalistas no Pleno, o titular solicitara a terraza no concurso convocado para cubrilas cando xa estaban sendo utilizadas de forma irregular. Segundo o expediente, tiña que abonar ao Concello pola explotación da mesma 4839,53 en 14 anos.
As terrazas, construídas con fondos do Plan E polo goberno local do PP e CxB no pasado mandato, custaron 143 000 euros e os hosteleiros dos soportais explótanas por concesión do Concello. Por este motivo, deben abonar unha cantidade anual ao Concello como canon de explotación.
En que condicións se produciu a retirada da terraza? preguntaron os nacionalistas ao executivo do PSOE. Desde o BNG, ademais, exixiron coñecer se houbo algunha indemnización por este feito. Non deberan esperar a cancelar a concesión para levantar a tarima? cuestionaron.
Queremos crer que está todo conforme á legalidade desexou o voceiro nacionalista, mais no Pleno non se informou do remate de ningunha concesión. Por este motivo, asegurou que non queremos crer que o mesmo PSOE que criticou a malversación de fondos cando o PP permitiu explotar as terrazas sen concesión, mantivo até agora a mesma situación irregular. Aínda que vendo que o PSOE deixou caducar un expediente por outra terraza en Domingo Etcheverría xa cremos calquera cousa, concluíu.
O BNG, como recordou o seu voceiro, Henrique del Río, foi moi crítico coa instalación destas terrazas con cargo a un plan anticrise, tanto polo dispendio como polas irregularidades cometidas polo goberno local do PP na súa construcción e explotación. Entendemos que estragar cartos públicos nunhas tarimas de madeira, non é combatir a crise. O mais sorprendente é que agora o PP culpe ao PSOE de provocar o desemprego co famoso Plan E que o PP en Betanzos estragou en tarimas de madeira, concluiu.
O BNG alegrase de que a presión social conseguira forzar ao PP a licitar o colexio
O BNG celebrou o anuncio de licitación do novo colexio de Betanzos e que o PP finalmente decidira destinar xa a totalidade dos fondos a esta obra necesaria. Chega máis de 5 anos tarde, pero o importante é que parece que a presión social fixo ceder á Xunta, indicou o voceiro nacionalista. Con todo, o BNG advirte que vixiará o cumprimento dos prazos e urxiu ao goberno de Feijóo a garantir profesorado e demais persoal para o novo colexio, non vaia ser que quede a obra finalizada e sen uso, algo que en Betanzos coñecemos demasiado ben.