O BNG acusa o PSOE de estar agardando a que derroguen a Lei da Memoria Histórica para non aplicala
Antolín Faraldo segue agardando a que o PSOE se decida a acabar coas honras aos cómplices e seareiros de Franco para ocupar o lugar de honra que lle corresponde no Concello
Betanzos, 14 de marzo de 2012. O BNG levou ao Pleno o retraso do cumprimento da Lei de Memoria Histórica polo goberno local do PSOE. O BNG interpelou ao goberno de Ramón García sobre os prazos marcados a unha comisión composta por tres historiadores locais á que o goberno do PSOE encargou un informe sobre as actuacións necesarias para aplicar a Lei da Memoria Histórica.
O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, lembrou que o 25 de outubro o BNG presentou no pleno unha moción para retirar as honras públicas que Betanzos aínda rende aos persoeiros franquistas pero que non se tomaron acordos neste sentido nas comisións convocadas a raíz do acordo plenario impulsado polo BNG.
O voceiro nacionalista lembrou que habería que retirar o retrato dun xeneral franquista que permanece na galería de honra da Sala Capitular. Hai un acordo plenario para ubicar aí o retrato de Antolín Faraldo, Fillo Predilecto de Betanzos por iniciativa do BNG, insisten os nacionalistas, que aseguran que Antolín Faraldo segue agardando a que o PSOE se decida a acabar coas honras aos cómplices e seareiros de Franco para ocupar o lugar de honra que lle corresponde no Concello.
Os nacionalistas denunciaron no pleno do pasado 28 de febreiro que a aplicación desta lei chega tarde a Betanzos e acusan ao PSOE de ser o motivo principal polo que Betanzos aínda rende honras públicas aos franquistas. No BNG cren que este grupo de historiadores nomeado unilateralmente polo PSOE é unha manobra máis para evitar cumprir coa Lei e reparar ás vítimas do franquismo. Están agardando a que o goberno do PP derrogue esta lei para non ter que aplicala?, exixiu saber o edil Xosé Vales.