O BNG acusa ao PSOE de mentir cando di que non vai pechar a Escola Taller
As únicas partidas que se incrementan no orzamento relacionadas co emprego son para contratar empresas privadas, o contrario do que prometeu o PSOE.
Betanzos, 7 de agosto de 2012. O BNG acusou ao goberno do PSOE de mentir no Pleno cando asegurou que non van pechar o centro de formación ocupacional. O pasado mes de febreiro o goberno de Ramón García anunciaba na prensa un plan de emprego que ía supór o incremento das partidas orzamentarias para formación e emprego e cursos para unhas 200 persoas. O concelleiro de Formación, o socialista Diego Fernández, aseguraba tamén que o centro non se ía pechar e que nun momento no que a situación económica e de desemprego é o que é, as administracións, e máis as máis próximas aos cidadáns, debemos de promover programas e actuacións neste ámbito. E polo tanto, o centro de formación non se pechará".
Ademais, o 29 de febreiro deste ano o Pleno acordou manter e potenciar o centro ubicado en Bellavista. Neste sentido o voceiro do BNG de Betanzos, Henrique del Río, manifestou que o Centro de Formación Ocupacional debe manterse como un servizo público do Concello de Betanzos . O Centro de Formación ocupacional é un servizo público e debe seguilo sendo, xa que ademais o Concello ten persoal para asumilo, explicou Del Río, non sería lóxico que se cambiaran as funcións deste persoal e se contrataran os cursos de formación a empresas privadas.
Os nacionalistas defenden que o Centro de formación ocupacional é unha ferramenta útil para o aprendizaxe de profesións e actividades vinculadas ao Concello de Betanzos e a súa comarca que non teñen cabida no deseño educativo tradicional. Porén, incumprindo os seus compromisos e anuncios e mais o acordo plenario, o goberno do PSOE opta por desviar o persoal do centro a outros cometidos, cos problemas laborais que isto conleva.
Parece que este centro só lles interesaba como medio para percibir subvencións e non cren na capacidade da administración local, para paliar, na medida das súas posibilidades os efectos terribeis para as maiorias sociais desta crise e das políticas da dereita, tanto en Galiza como no Estado, asegurou o voceiro do BNG. Os nacionalistas recordan que o Concello aínda está pagando algúnha sentenza pola mala xestión que o PSOE fixo das subvencións cando gobernaba con maioría absoluta.
Hai que ter moi pouca vergoña para dicir no Pleno que lle teñen que agradecer á Consellaría que lle concedese a Betanzos un curso de formación e que o alcalde foi pedirlle outro de favor, criticou o voceiro do BNG. Quero pensar que estes cursos concédense en base a uns criterios obxectivos plasmados nunha orde de axudas e non ao alcalde que máis reunións pida coa conselleira, ironizou.
O plan de emprego que acompañaba o orzamento fala abertamente de que non pode manterse o que se viña denominando Centro de Formación ocupacional, advirten desde o BNG. Pola contra, o PSOE considera posíbel contratar empresas privadas para ofrecer este servizo. Nisto debeu quedar todo aquel famoso plan de formación que tanto leva anunciado o PSOE nos medios, ironiza o voceiro do BNG. As únicas partidas que se incrementan no orzamento relacionadas co emprego son para contratar empresas privadas, o contrario do que prometeu o PSOE, censura.
O PP non ten autoridade para criticar estas medidas
Ao BNG pareceulle moi atrevido que o PP cuestione este peche do centro de formación ocupacional. Os nacionalistas lembran que o goberno de Rajoy recurtou nos Orzamentos do Estado un 21.3% os orzamentos para políticas activas de emprego e en Galiza hai unha redución de case o 40% do orzamentos en formación para o emprego desde o 2011. O PP non ten autoridade moral para cuestionar recurtes deste tipo porque son os grandes adalides dos recurtes en políticas sociais, advertiu Del Río.