O BNG acada un acordo para que o goberno local apoie a súa mocion sobre o partido xudicial
Celebramos que o PSOE caese na conta de que unha postura unitaria é a mellor defensa do partido xudicial. Chamamos ao PP a que abandone a defensa dos seus intereses de partido e se suma a este acordo situando primeiro plano os intereses da veciñanza para ofrecermos unha postura inequívoca como cidade e comarca.
Betanzos, 29 de abril de 2014. O voceiro do BNG, Henrique del Río, pechou esta mañá un acordo co alcalde para que o goberno local asuma a moción dos nacionalistas en defensa do partido xudicial. No BNG sempre pensamos que a mellor defensa dos servizos públicos na comarca e a mellor forma de presionar a Xunta e goberno español na defensa do partido xudicial era ofrecer unha postura unitaria, explica Del Río.
O edil do BNG engadiu que a pesar de que nun primeiro momento o goberno local optou por anunciar nos medios que nos excluía do acordo, volvimos tenderlle a man para buscar unha postura de consenso. Os nacionalistas presentaron unha proposta de acordo que parte do noso punto de vista pero que é asumíbel por todos os grupos na que se demanda o desenvolvemento do Estatuto no ámbito da Xustiza de forma que a Xunta inicie os trámites para a solicitude, consonte o disposto no artigo 20.2 do EAG, das competencias para demarcación e organización xudicial na Galiza.
No BNG sempre pensamos que a mellor defensa dos servizos públicos na comarca e a mellor forma de presionar a Xunta e goberno español na defensa do partido xudicial era ofrecer unha postura unitaria
O acordo inclúe, ademais, demandar do goberno español a retirada do Anteproxecto de lei orgánica do poder xudicial rexeitando o tribunal de instancia de ámbito provincial. Co acordo alcanzado entre PSOE e BNG, o Pleno de Betanzos reclamará ao goberno español o impulso dunha reforma en profundidade da organización da administración de xustiza, que implique a transferencia a Galiza da competencia exclusiva sobre a delimitación da demarcación e planta xudicial, e permita acometer unha revisión que asegure o mantemento de partidos xudiciais nas cidades e os municipios de maior poboación e aqueles que sexan cabeceiras de comarca.
A moción demanda á Xunta que se opoña tamén á implantación dos tribunais de instancia provinciais e á supresión dos partidos xudiciais das cabeceiras comarcais. Ademais, pídese á Xunta que cree un grupo de traballo para a definición dun modelo adecuado ás particularidades sociais, territoriais e demográficas da Galiza que conte con representación dos grupos parlamentares, dos concellos, das organizacións representativas de todos os operadores xudiciais que sirva como base para a negociación co Goberno do Estado español. O acordo establece que esta negociación se faga atendendo a criterios como o respecto ao dereito á tutela xudicial, o acceso universal á xustiza, o achegamento da xustiza á cidadanía, todo iso con base nun modelo xudicial flexíbel, con criterios de funcionalidade e non orgánicos. O acordo trasladarase a todos os concellos do partido xudicial buscando unha postura común.
Facemos un chamamento ao PP para que abandone a defensa dos seus intereses de partido e se suma a este acordo, poñendo en primeiro plano os intereses da veciñanza e ofrecemos unha postura inequívoca como cidade e como comarca
Sempre crimos que o máis intelixente é chegar a un acordo para defender o patido xudicial engade Del Río, que celebra a rectificación do goberno local. O outro día pediámoslle xenerosidade ao PSOE para que antepuxese os intereses da veciñanza ás súas comenencias electorais e parece que caeron na conta de que unha postura unitaria é a mellor defensa do partido xudicial, explica.
Neste sentido, o BNG fai un chamamento ao PP para que abandone a defensa dos seus intereses de partido e se suma a este acordo. Consideran que desde esta postura de acordo conseguimos que se poñan en primeiro plano os intereses da veciñanza e ofrecemos unha postura inequívoca como cidade e como comarca.