O BNG-AA insístelle ao PSOE na necesidade de cumprir a Lei de Memoria Histórica
As nacionalistas demandan que se constitúa a comisión de honras públicas para retirar todas as honras públicas que se manteñen aínda aos xerarcas fascistas, tal e como acordou varias veces o Pleno.
Betanzos, 14 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas demandou ao goberno local que cumpra coa Lei de Memoria Histórica e retire todas as honras públicas aos persoeiros do franquismo que aínda as conservan. O Pleno acordou varias veces retirarlle todos os recoñecementos públicos aos prohomes do franquismo pero o PSOE mantenlles os recoñecementos, lamenta o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Non acabamos de entender que unha forza que se di de esquerda, como o PSOE, manteña esta situación de inxustiza e vexación lamenta Del Río, e menos aínda tendo presente que tivo nas súas fileiras varios asasinados e represaliados. As nacionalistas demandan que o goberno local rehabilite socialmente ás vítimas do franquismo e aos guerrilleiros que o combateron. Unha sociedade realmente democrática non pode homenaxear a persoas que apoiaron o golpe de estado e a represión e seguir a causar dor ás vítimas, explican.
Por este motivo, desde o BNG-Asembleas Abertas demandan que se constitúa xa a comisión de honras públicas para retirar todas as honras públicas que Betanzos mantén aínda hoxe a todos os xerarcas fascistas, tal e como acordou varias veces o Pleno. É unha cuestión de xustiza e é o mínimo que pode facer unha sociedade democrática, explica o voceiro de BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río.
O Concello está no xulgado por negarse a cumprir coa Lei de Memoria Histórica
As nacionalistas piden, ademais, que o PSOE explique o estado en que se atopa a querela interposta contra a Alcaldía de Betanzos por negarse a cumprir coa Lei de Memoria Histórica, que o propio PSOE impulsou. En abril un avogado denunciou ao Concello por negarse a retirar as honras públicas aos franquistas recorda Del Río. O mínimo que podía facer o alcalde é explicar en que estado se atopa, non vaia ser que nos atopemos con outra sentenza que teñamos que pagar a veciñanza porque o PSOE goberna saltándose as leis, engade.