O BNG-AA dá unha solución para cubrir as baixas na escola incantil inmediatamente

O BNG-AA dá unha solución para cubrir as baixas na escola incantil inmediatamente

O goberno de Ramón García quería subir 50 euros a asistencia a clase na escola infantil municipal

“Se hai outras propostas para dar resposta á situación, pedimos aos grupos que se negaron a apoiar a nosa moción que as poñan enriba da mesa xa”.

Contratar agora tirando das listas que hai é legal se o contrato deixa claro que é até que se resolva o proceso selectivo en marcha.

Betanzos, 30 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas insistiu na necesidade de que o goberno local contrate urxentemente profesorado para a escola infantil de San Francisco. “A prioridade ten que ser solucionar esta situación límite para o persoal que traballa na escola infantil e sobre todo garantir un servizo adecuado e o benestar das crianzas”, sostén o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

As nacionalistas aseguran que se pode contratar persoal para cubrir provisionalmente as baixas da escola infantil mentres non se resolve o proceso selectivo que se abriu esta mesma semana. “Pode tirarse das listas de substitución que hai, como estivo a facer o goberno local até a primeira metade deste ano, e facer un contrato laboral até que se resolva o proceso selectivo en marcha”, engadiu.

“As últimas listas de contratación en vigor tanto para técnicos da escola infantil como para limpadoras son de outubro do ano 2010 e din que estarán en vigor até que se elaboren unhas novas listas”, explicou o voceiro nacionalista. “Aínda que nas bases xerais de 2013 a que se adaptarán as listas de substitución que se convoquen desde ese momento se prevé unha vixencia dun ano para as convocatorias posteriores, isto afectaría á hora de convocar unha nova selección como é o caso actual, mais mentres non remate o proceso as listas de 2010 estarían en vigor e poderían utilizarse para contratar persoal como de feito se veu facendo até mediados de ano sen problema” aclara.

“Chegamos a esta situación pola deixadez e falta de previsión do goberno local do PSOE, que seguiu utilizando estas listas até o momento en que non quixo seguir chamando a través delas, porque lle correspondería volver a chamar a unha das limpadoras do colexio que viña de despedir” explica o edil nacionalista. A consecuencia desta falta de previsión e irresponsabilidade do goberno é, a dicir do BNG-AA, que un servizo tan sensibel como o da escola infantil está nesta situación e vense incumprindo reiteradamente a ratio, como ven de denunciar o persoal diante da inspección.

Desde o BNG-AA sosteñen que o proceso selectivo que se iniciou coa publicación dunhas novas bases de selección no BOP deste luns tardará en resolverse varios meses. “É demasiado tempo para ter a escola infantil na situación de emerxencia na que está, obrigando ao pouco persoal que queda a facer xornadas maratonianas e masificando as aulas por agrupalas”, relata o edil nacionalista.

“O goberno local debería actuar con responsabilidade e poñer en primeiro lugar das súas prioridades solucionar o problema da escola infantil e garantir o benestar das crianzas”, explica Del Río. “Segundo a Lei, aprobar as bases dos procesos selectivos e contratar ao persoal é unha competencia do alcalde, polo que o PSOE aínda pode rectificar a negativa do martes no Pleno e solucionar de inmediato a situación da escola infantil”, engade o nacionalista.

As nacionalistas sosteñen que actúan responsablemente desde a oposición ao ofrecer unha solución inmediata ao problema das Escolas de San Francisco e se hai outras propostas para dar resposta á situación solicitan aos grupos que se negaron a apoiar o acordo plenario que as poñan enriba da mesa.

O BNG-AA dá unha solución para cubrir as baixas na escola incantil inmediatamente