O BNG solicítalle ao Concello de Betanzos a organización de campamentos para a conciliación en Semana Santa

Vanessa Rey: “O concello debe valorar a organización de campamentos ou doutras actividades para a conciliación da vida familiar e laboral en Semana Santa no futuro e colaborar así coas familias ofrecendo unha alternativa para a conciliación”

O BNG solicítalle ao Concello de Betanzos a organización de campamentos para a conciliación en Semana Santa

Betanzos, 27 de marzo de 2024. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria para instar ao Concello de Betanzos a que traballe na organización de campamentos ou de actividades de lecer para os nenos e nenas de Betanzos durante a Semana Santa.

Segundo a concelleira Vanessa Rey, “nestes días, as escolares están a vivir as vacacións de Semana Santa e, como en todos os períodos non lectivos, as familias deben facer fronte á difícil tarefa da conciliación da vida familiar e laboral, tan complicada sempre e que esixe a implicación de familiares e amigos”.

No BNG consideran que, para conseguir a tan ansiada conciliación da vida familiar e laboral, a implicación das institucións públicas é fundamental e, de cara ao futuro, o Concello debería articular alternativas para a atención aos pequenos e ás pequenas nos días en que os seus pais e nais traballan.

Para as nacionalistas, “aínda que sexan uns poucos días os que as crianzas non teñen actividade escolar, o concello debe valorar a organización de campamentos ou doutras actividades para a conciliación da vida familiar e laboral en Semana Santa no futuro e colaborar así coas familias ofrecendo unha alternativa para o coidado das pequenas”.  

O BNG solicítalle ao Concello de Betanzos a organización de campamentos para a conciliación en Semana Santa