O BNG solicita a reposición dos colectores de recollida de aceites e melloras nos servizos

Amelia Sánchez é a portavoz do BNG
Amelia Sánchez é a portavoz do BNG

Amelia Sánchez: “O servizo de recollida de lixo está xestionado en Betanzos polo Consorcio das Mariñas, o BNG ten presentado numerosas iniciativas plenarias para mellorar este servizo básico

O BNG solicita a reposición dos colectores de recollida de aceites e melloras nos servizos

Betanzos, 12 de xaneiro de 2024.- O BNG presentou unha iniciativa plenaria no pasado pleno ordinario para solicitar melloras no servizo de recollida selectiva de lixo. En concreto, solicitan melloras nos servizos de recollida de aceites e de roupas usadas.

Segundo a súa voceira, Amelia Sánchez, “desde hai semanas, a veciñanza amosounos a súa molestia pola retirada dos colectores especiais para a recollida de aceites de cociña usados que había nos barrios. Descoñecemos o motivo desta retirada mais eran un elemento de grande utilidade para a reciclaxe deste tipo de residuos”. 

As nacionalistas pedíronlle ao goberno explicacións pola desaparición deste servizo e que se retome a presenza destes colectores nas rúas de Betanzos. Asemade, solicitaron o aumento do número dos colectores que recollen a roupa de segunda man, pois “os veciños e veciñas protestan pola escaseza de colectores de roupa usada, que habitualmente están cheos e teñen bolsas abertos aos seus pés”, engadiu Sánchez.

Cómpre lembrar que o servizo de recollida de lixo está xestionado en Betanzos polo Consorcio das Mariñas e que o BNG ten presentado numerosas iniciativas plenarias para mellorar este servizo básico. Na mesma liña, o BNG presentou alegacións á modificación da ordenanza fiscal da taxa de lixo aprobada polo Consorcio das Mariñas e que implicará a subida dun terzo do recibo no ano que acabamos de iniciar.

O BNG solicita a reposición dos colectores de recollida de aceites e melloras nos servizos